O SLG denuncia que os proxectos de minas na Costa da Morte ameazan a centos de granxas de vacún

O SLG denuncia que os proxectos de minas na Costa da Morte ameazan a centos de granxas de vacún

Manifestación contra a mina de Corcoesto. Fonte: www.iagua.es

A coordinadora da loita contra a minaría salvaxe no Sindicato Labrego Galego, Margarida Prieto Ledo, rexistrou onte, 18 de febreiro, un documento de alegacións contra o proxecto de investigación mineira Isabela II, promovido polo Grupo M-FM 2001 SL e que afecta 156 cuadrículas mineiras (46’80 km²) nos municipios de Zas, Santa Comba, Vimianzo e Coristanco1. O escrito ía asinado pola secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba Seivane e dirixido á Consellaría de Economía, Emprego e Industria.

Ademais, Margarida Prieto estará hoxe, 19 de febreiro, en representación do SLG para apoiar o acto de entrega de alegacións contra este proxecto mineiro que levará a cabo a Federación de Asociacións Veciñais de Zas “Pico de Meda”2 no concello ás 13:00 horas.

No documento, o SLG destaca a riqueza agrícola, forestal, silvícola, gandeira, turística e paisaxística dos concellos afectados, e recorda que a lei dá protección especial a este tipo de usos e prohibe calquera actuación que sexa incompatible cos “valores ecolóxicos, ambientais, paisaxísticos, históricos, etnográficos, culturais ou calquera outro que sexa obxecto da protección outorgada”. E, para o SLG, a actividade mineira de investigación do proxecto Isabela II “é incompatible cos usos actuais e potenciais do solo das áreas afectadas, que destacan pola súa idoneidade para a agricultura, gandería, apicultura, pesca, caza e explotacións forestais, etc”.

O permiso de investigación mineira solicitado afecta unha zona onde o peso agrogandeiro e forestal é moi importante. De feito, e segundo datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) referentes ao número de unidades agrarias de transformación (UTAs) nas explotacións gandeiras dos concellos afectados, estes sectores mailo forestal dan traballo a máis de 28.000 persoas. Só nos catro concellos onde se pretenden levar a cabo as prospeccións, o IGE cifraba, con datos de 2014, en 1.416 as explotacións de vacún, que se elevarían a 2.138 se engadimos outros concellos da zona afectados por proxectos mineiros semellantes, como A Baña ou Mazaricos.

Ademais, Coristanco está incluído na subzona de Bergantiños da Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia pola idoneidade dos seus solos para este cultivo.

Para o Sindicato Labrego Galego, “resulta intolerable que dende a Xunta de Galicia se lles estea a dar prioridade a multitude de proxectos mineiros que atentan directamente contra actividades económicas ancestrais como a silvicultura, a gandería ou a agricultura, ao provocar danos irreversibles nos solos”.

En perigo máis de 100 kilómetros cadrados de terras na Costa da Morte

Segundo o SLG, só na Costa da Morte, onde se pretenden levar a cabo as prospeccións do Isabela II, está afectado boa parte do territorio de comarcas como Xallas, Terra de Soneira ou Bergantiños. A mesma empresa Grupo M-FM 2001 SL xa ten concedido un permiso de investigación co proxecto Livia 7092 que afecta 162 cuadrículas mineiras ou, o que é o mesmo, 48,60 km² n’A Baña, Mazaricos, Santa Comba, Vimianzo e Zas. Ademais, outras empresas estás a piques de obter idénticos permisos de investigación (proxectos Grixoa e Vilar) para 24 cuadrículas en Santa Comba e Zas (7,20 km²).

“Só cos proxectos mencionados até agora, estarían en perigo máis de 100 km² de terras dunha das comarcas con maior riqueza agrogandeira e forestal da Galicia”, advirte o SLG.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información