O Slg denuncia as dificultades das mulleres labregas para acceder a unha baixa ou incapacidade laboral

O XII Encontro Anual da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego, que se desenvolve no Seminario de Santa Catalina, contou coa presenza de activistas como Teresa Burgo, Beatriz Figueroa ou Victoria Portas

O Slg denuncia as dificultades das mulleres labregas para acceder a unha baixa ou incapacidade laboral

Teresa Burgo durante a súa intervención no XII Encontro Anual da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego

O seminario de Santa Catalina, en Mondoñedo, acolleu ao longo deste sábado unha intensa palestra na que un cento de labregas dialogaron sobre cuestións básicas para a súa vida profesional como as problemáticas á hora de abordar as baixas e incapacidades laborais, a loita das traballadoras que padecen enfermidades graves coma o cancro ou o incerto futuro do sistema de pensións.

Fixérono no marco do XII Encontro Anual da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego, que se está a celebrar durante toda esta fin de semana en Mondoñedo e outras localidades da Mariña baixo o lema “Labregas por un trato digno na enfermidade e na vellez”.

Neste contexto, a xornada de hoxe contou coa participación da avogada laboralista Teresa Burgo, da activista polos dereitos das persoas enfermas de cancro, Beatriz Figueroa, e da presidenta do Movemento en Defensa das Pensións (Modepen), Victoria Portas.

A avogada Teresa Burgo fixo unha análise das posibilidades de cobertura que poden ter as labregas en caso de accidente ou enfermidade laboral, poñendo de manifesto unha morea de eivas que “converten calquera reclamación nunha auténtica odisea burocrática na que é esencial reclamar por escrito e a tempo”.

Por exemplo, advertiu de que “é case imposible que nos recoñezan como de orixe laboral a meirande parte das enfermidades óseas ou musculares, e tamén o cancro, a pesares de que a profesión das labregas -ben sexa pola esixencia física ou polas posturas forzadas, ben sexa polo manexo de substancias canceríxenas como pesticidas e herbicidas- pode ser causa directa deste tipo de doenzas”, sinalan dende o Slg.

Nos xulgados de Lugo só gañaron o 5% das invalideces reclamadas por vía xudicial

Dende a organización agraria denuncian que “todo isto agravouse coa crise económica e os recortes que, entre outras consecuencias, derivou nunha maior presión das inspeccións médicas e das altas forzadas. Decotío, o tratamento que dan os médicos encargados de ditaminar e inspeccionar estes casos chega a ser vexatorio”.

E é que segundo advirten “os médicos e médicas que ditaminan unha invalidez ou incapacidade non son especialistas na doenza analizada e, ademais, son xuíz e parte, o que fai que as reclamacións por invalidez rara vez prosperen, nin sequera pola vía xudicial”. Nos xulgados de Lugo, por exemplo, só gañaron o 5% das invalideces reclamadas por vía xudicial.

O XII Encontro Anual da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego continuou pola tarde cun recital poético de María José Fernández Rodríguez na praia de Arnao (Castropol); e unha visita á Fundación Edes, en Tapia de Casariego, que traballa no rural do noroccidente de Asturias e da Mariña lucense dende 1999 ofrecendo servizos e apoio a persoas con discapacidade psíquica e intelectual.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información