O SLG cuestiona a inacción da Comisión Europea na crise láctea

A organización agraria advirte de que a UE produciu 3 millóns de toneladas máis entre xaneiro e novembro do 2015

O SLG cuestiona a inacción da Comisión Europea na crise láctea

Isabel Vilalba nunha reunión anterior do Observatorio Lácteo.

A Comisión Europea considera preocupante o nivel de stocks de produtos lácteos industriais, sinala tamén que a situación das granxas e “tensa” e nalgúns casos “dramática”, pero non ten previsto tomar medidas urxentes sobre a crise láctea. Esta é a conclusión que tira a secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba, da reunión do Observatorio Europeo do Leite (Milk Market Observatory) na que vén de participar en Bruxelas como representante da coordinadora europea Vía Campesina.

O Sindicato Labrego criticou na xuntanza de onte a pasividade da Comisión fronte ó aumento de excedentes, os baixos prezos do leite e o aumento do diferencial de prezos entre distintas rexións produtoras da UE. Como resposta á demanda de medidas, o representante da Comisión na reunión do Observatorio presentou os traballos que están a iniciar un grupo de expertos, a denominada ‘Task force’ sobre mercados agrícolas, ós que o comisario de Agricultura, Phil Hogan, lles pediu o estudo de medidas contra a volatilidade de prezos.

A Comisión creou un grupo de expertos para analizar medidas, pero non se agardan propostas antes do outono

A organización agraria considera que non é de recibo fiar as solucións á crise láctea a un grupo de expertos que comezará a reunirse en marzo e que, como moi cedo, non fará propostas antes do outono. Isabel Vilalba califica a actitude da Comisión de “irresponsable” e cuestiona tamén ós expertos seleccionados para a ‘Task force’, xa que di, a maioría son coñecidos defensores da desregulación de mercados co obxectivo de ter baixos prezos para competir nos mercados internacionais.

Aumentos de producción na UE

Entre xaneiro e novembro do 2015, a UE aumentou a súa producción en 3 millóns de toneladas de leite, en tanto as exportacións non están a dar colocado ese incremento de volume. En canto ó mercado interno, en España, segundo Eurocommerce, produciuse no primeiro semestre do 2015 unha caída no consumo do leite líquido do 6,4 por cento e de iogures de arredor dun 2%, se ben en compensación aumentou o consumo de queixos e de xeados, segundo os datos trasladados polo Sindicato Labrego.

Prezos en torno ós 30 céntimos
O prezo medio na UE en novembro foi de 30,8 céntimos, un 13% menos que a media dos últimos 5 anos. En decembro, o prezo baixou ata os 30,6 céntimos. En Galicia, segundo as estimacións do Sindicato Labrego, o prezo medio do leite no campo ronda os 28,7 céntimos, pero a maioría das granxas están a cobrar menos de 26,9 céntimos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información