O SLG considera “inútil” a multa ás industrias lácteas e pide maior control sobre a distribución

Denuncia que no último semestre de 2014 as granxas galegas perderon 50 millóns de euros debido á caída do prezo do leite.

O SLG considera “inútil” a multa ás industrias lácteas e pide maior control sobre a distribución

Xosé Ramón Cendán e Xabier Gómez Santiso.

O Sindicato Labrego Galego ofreceu hoxe unha rolda de prensa para valorar a multa de 88 millóns de euros imposta pola Comisión Nacional do Mercado e da Competencia (CNMC) a varias industrias lácteas.

Para a organización agraria, esta sanción “confirma que no sector lácteo non existe libre mercado e que as relacións comerciais son unha pura imposición das distribuidoras e das industrias ás granxas a través de varias prácticas ilegais entre as que se atopan a venda a perdas das primeiras ou os pactos de prezos das segundas”.

Prezo por debaixo dos 30 céntimos

Neste sentido, o coordinador dos Sectores Gandeiros no SLG, Xabier Gómez Santiso, asegurou que o importe da multa “será finalmente pagado polas granxas galegas a quen as industrias están espremendo ao impoñerlles o prezo máis baixo da Unión Europea e do Estado e que, na actualidade, está por baixo dos 30 céntimos”.

A este respecto, denunciou que “coa caída brutal sufrida no valor do leite ao longo de 2014, as granxas galegas deixaron de ingresar 50 millóns de euros só no último semestre dese ano se o comparamos co que ingresaron nos seis meses finais de 2013”.

Críticas á “pasividade” da Xunta de Galicia

Pola súa banda, Xosé Ramón Cendán, membro da Executiva do SLG, chamou a atención sobre o que cualificou de “absoluta pasividade das administracións responsables, en especial da Consellaría de Medio Rural e do Ministerio de Agricultura”.

En concreto, lembrou que “a multa ás industrias produciuse porque houbo unha denuncia previa; en caso contrario, non se tería producido a pesares de levarmos tantos anos criticando as prácticas extorsivas da industria”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información