O SLG celebra este xoves en Crecente o seu Congreso do Sector do Viño

Publicidade

Realizar unha diagnose da situación actual do sector vitivinícola e definir os pasos a seguir pola organización nos vindeiros catro anos. Eses son os obxectivos do Sindicato Labrego Galego (SLG) no seu Congreso do Sector do Viño, que terá lugar este xoves, 28 de maio, en Crecente. Tamén se vai renovar a dirección desa sección do SLG. O evento vai ter lugar a partir das 17horas no Restaurante O Palancas.

Dende o SLG destacan como prioridade “a defensa dunha vitivinicultura social, ligada ás persoas, á terra, ás nosas variedades autóctonas e a unha cultura milenaria como nai sustentadora do sector. Á arquitectura tradicional do viño, como pegada que nos deixaron os antergos: covas, adegas, muras e socalcos, así como outras construcións menores que posibilitaban a elaboración e conservación do viño.”

Así, consideran imprescindible a permanencia dos viticultores e viticultoras e das pequenas adegas de colleiteiro/a. “A arquitectura do viño é un elemento fundamental das nosas ribeiras e dos pobos produtores. Non o son as grandes inversións en adegas dos últimos tempos, nin da restauración de pazos e casas grandes para dedicar a adegas ou ao turismo enolóxico.”, sinalan dende a organización agraria.

Por outro lado, denuncian o que consideran acaparamentos de terras por parte de determinadas empresas. “as axudas públicas van todas destinas ás grandes concentracións de viña, arrasando montes comunais, carballeiras, zonas con enorme valor ambiental, nas chairas fáciles de mecanizar, e todo isto para producións de baixo valor engadido que compitan nunha economía de escala.”, aseguran.

Para o sindicato, “estas grandes concentracións de terra, neste caso falando do viñedo, levan a moita veciñanza a formularse fuxir do seu lugar. Fuxir porque os abafan con pesticidas, sulfatos, herbicidas, e toda clase de produtos fitosanitarios.”

Tamén consideran que o modelo de concentración en poucas mans da produción, pon en risco a viabilidade dos proxectos de moitos viticultores que levan anos traballando de xeito sostible, apostando por producións de calidade.

O de Crecente é o cuarto congreso sectorial no que vai de ano, despois dos dos sectores Vexetal (na Estrada), Leite (Guitiriz) e Vacún de Carne (Portomarín). O Congreso do Viño será o último en realizarse e con el ficarán pechadas as novas Direccións Sectoriais do Sindicato Labrego Galego.

VINHO SLG

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información