Logo da publicación esta semana no DOG do novo Prego de Condicións da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega, a decisión do Consello Regulador de esixir un período mínimo de cebo de dous meses mediante acortellamento ou recinto acoutado e cuberto segue sen suscitar a unanimidade do sector.
Desde o Sindicato Labrego Galego, que xa votara en contra da decisión no Pleno do pasado mes de novembro no que foi aprobada cos votos a favor de Unións Agrarias e da asociación Gandeiros Galegos da Suprema, anúncianse recursos para tratar de anular a normativa aprobada.
Asegura o SLG que se trata dun cambio de moito calado que afecta ao modo de produción e que “expulsa” da marca de calidade a un bo número de explotacións, aquelas que fan un manexo en extensivo en base a pasto, polo que a Xunta de Galicia non é a competente para autorizar a modificación no Prego de Condicións, senón que correspondería á Comisión Europea.
A Suprema é o buque insignia da carne de vacún galega. Dentro da IXP comercialízanse anualmente 60.000 becerros dunha media de 200 quilos. A metade son xatos marcados como Suprema. Unhas cifras ás que habería que sumar as correspondentes ao 30% da produción que se comercializa á marxe da Indicación Xeográfica Protexida.
Estas son as valoracións que sobre os cambios no Prego de Condicións fan os representantes dos produtores no Consello Regulador:
Brais Álvarez (SLG)
“Vai na liña contraria do que pretende Europa, que é fomentar a produción extensiva e ecolóxica”
O Sindicato Labrego Galego oponse á modificación levada a cabo en Ternera Gallega e anuncia accións xudiciais para impedir que se faga efectiva. “Imos reclamar contra a orde, xa está o equipo xurídico traballando niso”, avanza Brais Álvarez, coordinador do sector da carne do SLG.
“Imos seguir coa campaña que iniciamos en decembro pasado e recurrir este cambio que se pretende levar a cabo no Prego de Condicións, pois entendemos que non se trata para nada dun cambio menor, porque afecta ao modo de produción e estase eliminando da marca a unha serie de gandeiros, polo que un cambio deste calado ten que ser a Comisión Europea a que ten que autorizalo”, argumentan.
Un cambio deste calado ten que aprobalo Bruxelas, porque estase cambiando o modo de produción e expulsando da marca a unha serie de produtores
Para o representante do SLG, “a lexislación do 2007 sobre os Consellos Reguladores fala de dous tipos de modificacións, as que se poden facer a nivel de Estados membros ou comunidades autónomas e as que ten que aprobar a Comisión Europea, e pensamos que neste caso non se pode facer efectivo o cambio porque non é competente a Consellería ou o Ministerio”, defende.
“Xa temos precedentes. Nunha das variedades de queixo tradicional do País Vasco levouse o caso a Europa, que lles deu a razón aos produtores que se opoñían ao acortellamento”, explica Brais. Ademais, considera que esta modificación é contraria á PAC e ás políticas agrarias europeas. “Vai na liña contraria do que pretende Europa, que busca fomentar a produción extensiva e ecolóxica”, conclúe.
“É posible unha finalización axeitada en base a pasto”
“Desde o SLG opoñémonos ao cambio normativo aprobado, sobre todo no relativo ao acortellamento dos animais de Suprema. Consideramos que tal como se cualifican as canais hoxe son admisibles xatos en base a pasto, xa que se poden obter perfectamente esas conformacións e engraxamentos sen complemento de penso, polo que non entendemos por que se obriga a facer un manexo intensivo do gando antes do seu sacrificio”, di Brais.
Está demostrado que se poden acadar as calidades que a marca establece fóra e cunha alimentación exclusivamente en base a pasto
Ademais dos prexuizos para os produtores en extensivo, o SLG alerta das consecuencias para a propia IXP. “É unha imaxe moi dañina para a propia marca establecer un acortellamento final dos animais nunhas instalacións e cunha alimentación asimilables a un cebadoiro, máis aínda nun momento no que está baixando o consumo da carne de Ternera Gallega. Para nós, isto é lanzar pedras contra o noso propio tellado”, conclúe.
Santiago Rego (Gandeiros Galegos da Suprema)
“O prezo debe compensar os custos e o traballo que supón cebar”
Santiago Rego, presidente da asociación Gandeiros Galegos da Suprema, recoñece que a decisión de obrigar a todos os produtores de Suprema a cebar os seus xatos “ao principio pode ser algo traumático pero ao final vai ser unha medida boa para o sector”.
Destaca ademais o período transitorio no que se permite que se faga o acabado dos animais no prado. “É unha moratoria de dous anos para que a xente se vaia amoldando”, explica. Desde a asociación agardan tamén que a actual conselleira manteña o compromiso de establecer unha liña de axudas específica coa que financiar as obras que sexa necesario acometer nas ganderías para contar con instalacións axeitadas para a finalización dos animais a cuberto.
“Temos unha reunión pedida á conselleira sobre a previsión de axudas para o sector, tanto a de canal certificada para o vindeiro ano como para acometer estas infraestruturas. Eran dous compromisos do seu predecesor no cargo”, lembra Santiago.
“Debe producirse un incremento de prezo na carne”
Desde a asociación esperan que os cambios na alimentación e o manexo dos xatos introducidos no Prego de Condicións de Ternera Gallega se vexan repercutidos no prezo da carne, tendo en conta o encarecemento que pode supor a alimentación con concentrados durante dous meses.
“Ten que compensar o custo a maiores que supón cebar, a man de obra e a infraestrutura que se vai ter que acometer en moitos casos. Esperemos que con isto se incrementen os prezos e se deixe de utilizar a disparidade existente nas canais por parte da industria e a distribución como un argumento para baixar as cotizacións”, critican.
Vemos ben que haxa unha Suprema máis homoxénea pero ten que notarse no prezo
Santiago pon tamén o foco no papel da propia IXP para vixiar o cumprimento das novas normas. “Poñer os comedeiros si, pero se están baleiros no prado non serve para nada. Controlar por parte da IXP; iso vai ser a clave e no que incidiremos desde a nosa asociación, en que se cumpran tanto os dous meses de acortellamento como o dos comedeiros no prado”, insiste.
Poñer os comedeiros si, pero se están baleiros no prado non serve para nada
“Se o gandeiro ten bo pasto e pode non ter que suplementar con concentrado mellor para o gandeiro. Pero o pasto haino cando o hai e agás na Mariña ou noutras zonas nas que se pode facer unha produción a base de pasto, no resto de Galicia iso non é posible. Na montaña, en Sarria ou en Lugo a partir de xuño non hai nada que pacer”, asegura.
Por iso Santiago considera que “quen ao final vai dicir se se fan as cousas ben ou non son as canais”. “Coa axuda houbo xatos que se sacrificaron con 150 ou 160 quilos. Para nós eses xatos non deberían ir marcados de Suprema”, remarca.
“Pulir” as axudas por canal certificada e por pastoreo en zona de lumes
Prevese que no transcurso deste mes quede ingresada a axuda de 200 euros por animal certificado co selo de Suprema no ano 2023 e desde a asociación propoñen introducir algúns axustes de cara ao pago correspondente ao 2024.
“Pensamos que hai que tratar de pulir a axuda para que vaia directamente ás ganderías. É unha inxustiza que canais que foron criados seguindo as pautas da Suprema e que se pasaron dos 10 meses porque os matadoiros non os levaban perdan a axuda dos 200 euros e pasen ao tramo de 36 euros como se fosen dun cebadoiro. A axuda non pode depender ou estar tan condicionada polos matadoiros, que se aproveitaron moito diso, porque os gandeiros necesitaban sacar os xatos antes dos 10 meses e eles utilizárono para baixar o prezo”, aseguran.
Tamén queren abordar coa nova conselleira como “encauzar” a axuda anunciada por hectárea pastoreada en zonas de alto risco de incendios. “Para nós, tal como está plantexada, é unha arma de dobre fío se se limita só ás zonas nas que hai lumes. O noso criterio é que cos mesmos cartos se dea unha prima menor, pero que se estenda a todo o territorio porque ao final esa labor de prevención faise en todas as zonas”, argumenta Santiago.
José Ramón González (UUAA)
“A Suprema ten que homoxeneizarse o máis posible e isto é un primeiro paso”
Para o responsable de producións extensivas do sindicato Unións Agrarias, José Ramón González, “conseguir un bo acabado dos animais é importante para mellorar a súa saída ao mercado”. “Nós dixémolo desde o primeiro momento, a Suprema ten que homoxeneizarse o máis posible e isto é un primeiro paso”, defende.
Asegura que “unha inmensa maioría do Pleno está a favor de acortellar os xatos nos dous meses finais antes de que vaian ao matadoiro” para “evitar a falta de graxa e que a carne saia escura”.
José Ramón tamén defende que “era necesario actualizar o Prego de Condicións para introducir nel o benestar animal” e que, “aínda que de momento non hai mercado, permitir conxelar a carne para terceiros países é algo obvio”. “Hai que adaptarse ás novas épocas e vai ser un camiño que nos leve aínda algún tempo”, conclúe.