O SLG advirte dunha importante redución da superficie que recibirá axudas PAC en zonas desfavorecidas

A organización agraria lembra que o 62% dos concellos galegos e o 83% da Superficie Agraria Útil de Galicia están acollidos a este tipo de axudas europeas

PAC ZONA DESFAVORECIDA

O equipo técnico do Sindicato Labrego Galego (SLG) advertiu, nun comunicado, dunha modificación no cómputo das axudas do Piar 2 do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia, que afectará negativamente ás zonas coñecidas como “de limitacións naturais”. Estas zonas abarcan o 62% dos concellos galegos.

Segundo o PDR vixente, existen 537.765,08 hectáreas da Superficie Agraria Útil (SAU) galega localizadas en concellos con limitacións naturais, é dicir, considerados desfavorecidos ou de montaña, segundo os criterios da Directiva 75/268/CEE. Isto representa o 83% da SAU total de Galicia.

A organización agraria realizou consultas con distintas oficinas do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA), das cales conclúe que o orzamento para esta medida se reducirá en 2 millóns de euros respecto á anualidade anterior. Deste xeito, aseguran que o límite máximo de superficie pola que se poderá cobrar a axuda quedará arredor das 51 hectáreas, o que supón a metade do que se percibía ata o de agora. Así, segundo o SLG, “se o solicitante compromete máis de 51 hectáreas nesta liña de axudas, perdería o dereito a percibila, xa que corre o risco de que o importe que lle corresponda sexa inferior aos 25 €/ha.”

Desde o sindicato sinalan tamén que, “a poucos días de rematar o prazo de solicitude, resulta fundamental contar cunha explicación oficial por parte das entidades tramitadoras destas axudas, para poder adaptar as solicitudes xa presentadas á nova situación de falta de orzamento.”

O SLG lembra que, en marzo de 2023, a súa representante no Comité de Seguimento Rexional do Plan Estratéxico da PAC (PEPAC), Ana Rodríguez, xa alertara dunha diminución de 40 millóns de euros na medida destinada ás zonas con limitacións naturais, unha decisión tomada pola Xunta de Galicia. Daquela afirmaban que “aínda que a Xunta aseguraba que convocaría estas axudas nos anos 2023, 2024 e 2025 con fondos sobrantes do PDR 2014-2022, os cálculos revelaban que sería preciso dispoñer de polo menos 60 millóns de euros para cubrir as tres convocatorias, sen que existise ningún dato que garantise esa dispoñibilidade real de fondos.”

O sindicato considera que, tendo en conta estes datos, “un número importante de granxas situadas en concellos designados como zona con limitacións naturais distintas das de montaña —coñecidas popularmente como zonas desfavorecidas— vanse ver seriamente prexudicadas por esta redución de fondos, o que afecta negativamente á viabilidade económica das súas explotacións e contribúe á percepción da agricultura como unha profesión sometida á inseguridade e ao abandono por parte da administración.” Ademais, indican que estes cambios obrigaron a modificar máis de cen solicitudes só nas oficinas do SLG.

A organización que dirixe Isabel Vilalba denuncia “incrementos sorprendentes en ámbitos como a asistencia técnica da Consellería do Medio Rural, que chega ata os 10 millóns de euros, mentres que o orzamento destinado ao obxectivo principal da PAC —garantir e aumentar a presenza de produtores e produtoras de alimentos— está a ser continuamente recortado.” Consideran que, ademais da redución das axudas agroambientais, tamén se está a producir unha diminución nas axudas ás zonas de montaña.

Por todo isto, o Sindicato Labrego Galego reclama un orzamento axeitado para aquelas medidas que teñen unha incidencia directa nas explotacións agrogandeiras. A organización insiste en que, sen unha garantía de pago de prezos xustos en orixe, será moi difícil acadar a remuda xeracional no agro galego. Neste sentido, lembran que o 70% do sector se xubilará nos próximos anos, mentres que as novas incorporacións apenas chegarán ao 5%.

O SLG reclama “un verdadeiro compromiso da Xunta de Galicia coas persoas produtoras de alimentos, porque un maior número de labregas e labregos é garantía dunha alimentación saudábel e dun medio rural vivo.” Critican tamén as posibles axudas públicas a proxectos como os de Altri e Greenalia, “ao tempo que semella non haber cartos para asegurar a produción de alimentos de proximidade no noso país e, por tanto, a supervivencia económica de milleiros de postos de traballo directos e indirectos.”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información