A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

O sistema galego de seguridade alimentaria Galis implántase na cornixa cantábrica

A Agafac asina un convenio de colaboración coa cooperativa AgroCantabria para utilizar este método de control das materias primas dos pensos

O sistema galego de seguridade alimentaria Galis implántase na cornixa cantábrica

Francisco José Nomdedéu e Bruno Beade asinan o acordo de colaboración mediante o cal AGC se integra en Galis.

A Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac) acaba de selar un convenio de colaboración coa cooperativa AgroCantabria (AGC) de Torrelavega (Cantabria), para a implantación do sistema galego Galis, ideado para controlar as materias primas que se empregan na elaboración dos pensos. Así, nos próximos meses comezará a implantación deste sistema na produción de pensos da cooperativa.

Este convenio afianza o asentamento deste sistema na cornixa cántabra e marca un antes e un despois nos 14 anos de historia de Galis xa que asegura a súa consolidación na zona noroeste, tal e como sinalou o director de Agafac, Bruno Beade, na sinatura do convenio. “É un acordo moi importante porque implantamos o noso modelo de seguridade alimentaria, pioneiro en España, nunha das comunidades autónomas punteiras no sector agroalimentario”, comenta Beade.

Pola súa banda, o director xeral de AGC, Francisco José Nomdedéu Rodal, tamén destacou a importancia deste acordo para a cooperativa que supón “unha maior seguridade e sostibilidade no tempo do noso actual sistema de control de materias primas”, apunta.

O sistema Galis

No ano 2005, os fabricantes asociados a Agafac crearon un sistema de control conxunto co obxectivo de incrementar as esixencias e garantías durante todo o proceso de fabricación dos pensos, dende que o cereal se descarga no peirao ata que se recibe en fábrica.

Galis contribúe a reforzar a seguridade dos pensos posto que axuda a detectar posibles contaminacións do millo, trigo, soia ou outros grans a través de controis baseados en puntos de control críticos das diversas fábricas e empresas adheridas ó programa. Coa sinatura deste convenio, tamén se fixará un punto de control nas instalacións ubicadas no Porto de Santander.

Este sistema engloba a 54 fábricas, principalmente ubicadas en Galicia pero tamén radicadas noutras comunidades próximas que non posúen un sistema de control propio neste ámbito. Xunto con Galicia, Cataluña, País Vasco, Castela e León, Murcia e Andalucía tamén contan con sistemas desta índole.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *