O Sindicato Labrego Galego vai iniciar unha rolda de contactos cos partidos políticos con representación no Parlamento de Galicia para pedirlles información sobre os plans piloto de mobilidade de terras que está a desenvolver a Consellaría de Medio Rural en comarcas como Lemos, Ancares, Courel, O Ribeiro ou Verín.
Para o SLG, as políticas de mobilidade de terras “non só son necesarias, senón que se antollan indispensables”. Porén, advirte de que “tal e como están deseñados estes plans piloto de mobilidade de terras, crean serias dúbidas sobre os criterios de asignación de fincas que se están a seguir.”
En concreto, dende a organización agraria afirman que “agora mesmo, temos constancia de que hai empresas ou entidades que levaban moito tempo detrás de fincas que, con estes plans e valéndose de fondos públicos -lévanse gastados máis de tres millóns de euros para acondicionar e preparar as terras- , están conseguindo eses predios sen custe algún”.
Pola contra, dende o Sindicato Labrego, defenden que “o reparto debe facerse en base a uns baremos transparentes, obxectivos e públicos que primen aspectos para a concesión como a proximidade das granxas solicitantes a esas terras, a incorporación de xente moza ou a fixación de poboación no rural”.
O SLG denuncia que a Consellería proporciona “información privilexiada para proxectos de gran envergadura”
“Por desgraza, agora mesmo descoñecemos os criterios cos que a Consellaría de Medio Rural está repartindo as terras dos plans piloto, con concesións que poden chegar aos 30 anos de arrendamento, e sospeitamos que hai empresas e grandes cooperativas con información privilexiada que se están a beneficiar claramente destas accións en detrimento doutras granxas máis necesitadas de terra”, advirten.
Por último, dende o Sindicato Labrego tamén critican os criterios do goberno da Xunta para declarar unha terra en estado de abandono para incluíla nestes plans de mobilidade. “Por exemplo -explican-, poden declararse en estado de abandono as terras dunha comunidade de montes por aspectos puramente burocráticos como non ter renovado a directiva no prazo previsto”.
A Consellería de Medio Rural prevé poñer en produción unhas 10.000 hectáreas de terras abandonadas en 15 proxectos piloto
Recuperar terras abandonadas para crear riqueza e emprego no rural e evitar os incendios forestais é a medida estrela que se marca a Consellería de Medio Rural para o que queda de lexislatura.
Neste sentido, o conselleiro José González anunciou recentemente que o seu departamento aprobará no primeiro semestre deste 2019 unha lei de mobilidade de terras que lle dea seguridade xurídica tanto aos propietarios da terra como aos arrendadores, así como permita que a Xunta de Galicia poida intervir en todas aquelas parcelas cuxo propietario está ilocalizable (calcúlase que o 30% dos 11 millóns de parcelas de Galicia están nesta situación).
Medio Rural: “O control público deste proceso por parte da Xunta de Galicia evitará que haxa acaparamento de terras por parte duns poucos”
O seguinte paso que anunciou o conselleiro de Medio Rural sería poñer en marcha 15 polígonos agroforestais de carácter piloto, cunha superficie total dunhas 10.000 hectáreas, de terras abandonadas de alta calidade agraria, para poñela a disposición de agricultores e gandeiros interesados en cultivala.
O departamento que dirixe José González actuará como intermediario entre propietarios e arrendatarios, confiando en que estes alugueiros constitúan un complemento interesante para moitos pensionistas. No caso das parcelas ilocalizables, as rendas que se paguen está previsto que vaian ao erario público da Xunta de Galicia.
Destacan tamén fontes da Consellería que “o control público deste proceso por parte da Xunta de Galicia evitará que haxa acaparamento de terras por parte duns poucos”.
“Fai 10 anos este proceso de mobilidade de terras non se podería facer porque aínda había moito apego ás leiras, pero hoxe para moitos herdeiros estas fincas son un auténtico problema”, sinalan as mesmas fontes.