O Sindicato Labrego sitúa a reforma da PAC proposta como un “desastre” para as granxas galegas

A organización agraria sostén que outras comunidades da Cornisa, como Cantabria ou País Vasco, lograron encadrarse nas rexións agronómicas con maiores pagos, “sen que haxa explicación para que Galicia estea en rexións con menos axudas”

O Sindicato Labrego sitúa a reforma da PAC proposta como un “desastre” para as granxas galegas

Rolda de prensa do Sindicato Labrego sobre a PAC.

A reforma da PAC proposta polo Ministerio de Agricultura non convence ó Sindicato Labrego, que interpreta que de saír adiante esa proposta, será “un desastre” para as granxas galegas, segundo valora a secretaria xeral da organización, Isabel Vilalba.

Os problemás céntraos a organización tanto nas grandes liñas deseñadas para a PAC a partir do 2023 como na rexionalización das axudas prevista. O Sindicato Labrego entende que as rexións agronómicas propostas para Galicia son perxudiciais e cuestiona tamén os pagos redistributivos previstos.

Incluso un dos puntos que ofrecerá un aumento de ingresos ás granxas galegas de leite, as axudas asociadas, é considerado como “mal deseñado” polo Sindicato Labrego, que cuestiona que se lle dea o 100% do pago asociado por vaca a ganderías de ata 150 vacas, cando en Galicia o 80% das granxas teñen menos de 75 cabezas de gando maior, que era o anterior tope para cobrar o 100% da axuda asociada.

Pero o maior problema sitúao o Sindicato Labrego nas rexións agronómicas nas que se encadraría Galicia: “Galiza declara unhas 286.000 hectáreas en pastos permanentes. Na rexión que temos, a 403, son 13,5 millóns de euros/ano. Se 100.000 desas hectáreas se consideraran na rexión 503 suporían uns 19,8 millóns de euros/ano. E dicir, só en 100.000 hectáreas, esta situación supón unhas perdas para o noso país de 6,3 millón de euros ao ano”, exemplifica Ana Rodríguez, responsable da Política Agraria Común no Sindicato.

“Na práctica, unha granxa que teña 20 hectáreas de pasto na Galiza cobraría 3.381,30 euros de axuda básica e redistributiva, mentras que a mesma granxa na mellor rexión de pastos da cornixa cantábrica cobraría 5.183,86 euros”, compara.

A menor Axuda Básica e pago redistributivo que se concederían nos pastos permanentes galegos perxudicaría sobre todo á gandería de carne, ao entender do Sindicato Labrego. “Unha gandería de 30 vacas e 20 hectáreas poderá cobrar de PAC uns 3.000 euros menos que unha gandería cántabra de iguais características”, compara Adolfo Cabarcos, membro da Dirección de Carne do SLG.

“Visto por onde están a ir os resultados, preguntámonos onde está a Consellaría nesta negociación, que nin tan sequera foi quen de conseguir que se recoñezan zonas de regadío para Galiza”, abondou Isabel Vilalba. “Os datos do FEGA ao respecto das superficies declaradas por cultivos no ano 2021 contabilizan na Galiza 1.272 hectáreas declaradas en terras de cultivo de regadío, e a diferenza é moi significativa: en secano o importe é de 158.198 euros, en regadío de 522.792. É un disparate que o conselleiro teña valorado esta mesma semana na súa intervención no Parlamento galego que está contento coa proposta realizada a nivel estatal”, critica.

O Sindicato Labrego considera que as liñas presentadas polo Ministerio afondan en inxustizas, como a de altos topes de axudas “que facilitan que grandes perceptores sigan cobrando cantidades millonarias, ao tempo que -di o Sindicato- abandona á xente moza, non garantindo importes mínimos”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información