O Sindicato Labrego pide á Xunta que esclareza os prazos das axudas ao sector vacún de carne

O Sindicato Labrego pide á Xunta que esclareza os prazos das axudas ao sector vacún de carne

Concentración do SLG o pasado mes de decembro

O pasado venres 22 de xullo, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a resolución para a concesión directa das axudas excepcionais para o sector de carne e outros sectores que aprobara o Ministerio de Agricultura hai un mes.

A este sentido, desde o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) demandan que “con carácter inmediato a Xunta de Galicia cumpra as promesas que Feijóo na súa despedida e o propio conselleiro de Medio Rural fixeron ao sector prometendo un complemento autonómico a este plan do Ministerio de axudas para facer fronte á subida dos custos de produción”.

“No seu momento Feijoo anunciou públicamente un complemento de varios millóns de euros ao plan estatal que se estaba a preparar dende o Ministerio para facer fronte os custes de produción, complemento do que aínda non se sabe nada”, advirten. Así mesmo, dende o SLG recordan que a diferencia da axuda para o sector do leite, esta axuda para o sector da carne, a pesares de ser dotada con medios económicos do Ministerio de Agricultura, a tramitación e resolución é competencia das distintas comunidades autónomas. “E isto -subliñan- prodúcese coa clara intención por parte do Ministerio de que as axudas foran complementadas con fondos propios das Comunidades Autónomas”.

Por último, dende o SLG demandan que “se corrixa na propia orde publicada o pasado venres 22 os prazos para achegar documentación, en caso de ser necesario”. “A orde recolle que en caso de non ter presentado a declaración responsable no prazo aberto polo Ministerio de Agricultura,  ábrese un novo prazo de 10 hábiles a contar dende o día da publicación -venres 22 de xullo-, mais por outra banda, a propia orde recolle que a lista de granxas beneficiarias poden publicala até o venres 29 de xullo”, advirten dende a organización agraria.

Para o Sindicato Labrego Galego, “esta é unha mostra máis da forma de traballar errática e sempre improvisando que dende fai moito tempo ten a Consellería de Medio Rural cara ás granxas”. O feito de que non fora quen de publicar o listado en tempo e forma coa mesma orde provoca unha situación de discriminación e desamparado cara ás granxas galegas, por iso pedimos a Xunta que enmende o seu erro e, en todo caso, que os 10 días comecen a contar dende a publicación do listado”, reclaman.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información