O Sindicato Labrego pide a retirada da orde que restrinxe os traballos agrícolas para previr lumes

A organización agraria critica que a Consellería de Medio Rural nin sequera mencionase a nova normativa no Consello Agrario celebrado o pasado venres. No lugar de novas limitacións e obrigas, propoñen que a Consellería subcontrate servizos de prevención de lumes a agricultores

O Sindicato Labrego pide a retirada da orde que restrinxe os traballos agrícolas para previr lumes

O traballo de maquinaria agraria restrínxese a menos de 400 metros de terreo forestal.

O Sindicato Labrego cuestiona a publicación este luns dunha orde da Consellería de Medio Rural que restrinxe os traballos agrícolas e forestais cando o risco de incendio sexa moi alto ou extremo. A normativa, que limita neses casos a actividade da maquinaria entre 12 e 18 horas, é considerada pola organización agraria unha “criminalización” do traballo no campo. “Trátase só de buscar culpables que tapen a mala xestión de prevención de lumes”, consideran.

Desde o Sindicato Labrego critican en especial que a Consellería non abordase a nova normativa o pasado venres no Consello Agrario, un órgano consultivo da Administración con participación de organizacións agrarias e cooperativas. Para o Sindicato Labrego, este “silenciamento” da nova norma no Consello reflexa o “baleiro de contido” que atravesa este órgano.

“Estamos ante unha orde publicada pola porta de atrás e de costas ó sector”, cuestiona a organización agraria. “Na práctica, queren convertir ás persoas labregas nunha brigada antiincendios nos días de risco moi alto ou extremo de incendio forestal. Hai brigadas antiincendios ás que xa lles gustaría ter os materiais que nos esixe desde hoxe a Consellería”, sinala Brais Álvarez, apicultor e secretario de Acción Sindical do Sindicato Labrego Galego.

E é que cando o índice de risco diario de incendio forestal (IRDI) acade os niveis de moi alto ou extremo, a orde obriga a ter nos traballos agrarios que se realicen de 12h a 18h a unha persoa vixiando en funcións de auxiliar, cuxa función será a detección temperá de posíbeis conatos de incendios e ademais obriga ás persoas labregas a ter un vehículo cun deposito de 400 litros de auga como mínimo, dous batelumes, un extintor de escuma con base de auga de capacidade mínima de 6 kg e unha mochila extintora cunha capacidade mínima de 15 litros.

Estas esixencias aplican en masas forestais ou nas súas zonas de influencia, a unha distancia inferior a 400 metros a terreo forestal.

A outra alternativa ás obrigas de seguridade marcadas é non traballar entre 12 e 18 horas cando o risco de incendio sexa moi alto ou extremo, algo que se pode consultar diariamente por concello na web da Consellería.

“Estas esixencias de equipamento son inasumibles para o agro. En primeiro lugar, a nivel de gasto económico non é rendíbel; e en segundo lugar, reiteramos que non ten sentido que as persoas labregas teñan que levar máis utensilios e ferramentas para combater os lumes cando estean realizando a súa actividade, algo que non lles corresponde”, valoran. “Para iso, que se lle subcontrate ás persoas labregas o servizo de prevención de incendios”, propoñen.

O Sindicato Labrego, por último, considera que a Consellería debe retirar a orde e falala co sector. En último termo, piden tamén a dimisión da conselleira.

Restrínxese o uso de maquinaria agrícola e forestal entre 12 e 18 horas para previr lumes

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información