O Sindicato Labrego pide que se elimine a obrigatoriedade do caderno dixital e “demais burocracia innecesaria da PAC”

O coordenador do Sector Leiteiro no Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), Xulio Fernández, cualifica de “posta en escena” a xuntanza mantida este luns co conselleiro do Medio Rural, José González, e o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, “na que a Xunta pedíu axuda desesperada ás organizacións agrarias para interceder ante o Ministerio por mor das numerosas dificultades que está a carrexar a xestión da nova Política Agraria Común (PAC)”.

Dende o Sindicato Labrego Galego denuncian que “o periodo da tramitación da PAC comezou en teoría o día 1 de marzo, pero a propia Consellaría non publicou nin sequera a Orde que regula estas axudas até 20 días despois. Canda esta demora, atopámonos con que a día de hoxe, 29 de marzo, a aplicación informática para as tramitacións ten sen habilitar ou presenta eivas en boa parte das súas funcións, e tamén que a Consellaría ten sen celebrar unha parte importante das reunións informativas previstas por ela mesma”.

Aliás, lembran que o caderno dixital que está desenvolvendo a Consellería, o XEAGA, “tamén vai con atraso e non semella que vaia incorporar todas as esixencias de recollida de datos incluídas na nova normativa”. Neste sentido, dende a organización labrega tamén advirten de que “tampouco se activou a posibilidade de contar cunha aplicación telefónica que poidan usar as persoas agricultoras e gandeiras para facilitar a incorporación dos datos e a visualización dos mesmos”.

“No caso da normativa de ordenación das granxas de bovino, até a semana pasada non coñecimos cal era o trámite para facer os cambios nas clasificacións das granxas, cuestión que depende integramente da Consellería. No caso das axudas de Desenvolvemento Rural, competencia directa tamén da Consellería, existe o memo nivel de pouca concreción que para o resto de axudas da PAC, e con cambios constantes de criterio” engaden dende o SLG.

No que compete á normativa de nutrición sostible dos solos agrarios, dende o Sindicato Labrego denuncian que “directamente non temos nin información por parte da Consellería de como se vai aplicar a partir do ano que vén, e dubidamos moito de que poda ser aplicable”. Ademais, hai certas cuestións da nova PAC que teñen que ver con este Real Decreto, como é o caso da BCAM 10 Fertilización sostible, que non se aplican no resto da Unión Europea e vai supoñer un problema para moitas granxas.

“Como vimos repetindo dende fai meses, o Ministerio e a Consellería teñen que asumir que esta PAC é moi complexa, e que ámbalas dúas administracións son responsábeis de facilitar a implementación da mesma”, lemran dende o SLG.

Ante esta situación, esixen “a supresión da descomunal e innecesaria burocracia que se lle está a meter as granxas, que por un lado é imposíbel de cumprir e por outro supón uns custos inasumíbeis para as propias granxas, e neste sentido pedimos unha moratoria para todos os cambios que impliquen estas novas esixencias debido á complexidade da nova PAC, así como a exención para as pequenas e medianas granxas labregas”. A estas medidas consideran dende o Sindicato Labrego que cómpren engadir outras como “a imprescindíbel revisión da aplicación da BCAM 10, flexibilización das normas medioambientais, a exención da obrigatoriedade do caderno dixital e ampliación do prazo de solicitudes da PAC, habida conta das graves consecuencias que a mala xestión desta Política Agraria Común vai ter para as persoas gandeiras e labregas”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información