O Sindicato Labrego pide a Mesa do Leite ante a conxelación dos prezos en Galicia

O Sindicato Labrego pide a Mesa do Leite ante a conxelación dos prezos en Galicia

O Sindicato Labrego Galego pide a convocatoria urxente da Mesa do Leite ante a conxelación dos prezos que se está a producir en Galicia, onde ademais arrástranse os valores máis baixos do país. A organización agraria reclamou a necesidade de que se convoque este órgano xa en decembro, durante a última sesión do Consello Agrario Galego, para que Medio Rural arbitre a negociación entre os diversos axentes do sector.

No seu momento, o conselleiro de Medio Rural, José González, comprometeuse a responder esta petición, segundo o Sindicato Labrego, pero o feito de que aínda non se convocase e as prácticas detectadas nas últimas semanas por parte das industrias, motivan a petición pública do Sindicato Labrego.

O Sindicato Labrego apela á mediación do goberno para garantir a negociación, ó igual que fixeron en Francia. No país galo chegouse recentemente a un acordo grazas á mediación do goberno, que conseguiu que Lactalis, a principal industria que opera en Galicia, lle pague ás granxas francesas a 35,5 céntimos por litro, unha suba do 7,5% con respecto ós 33 céntimos que pagaba antes das negociacións. Mentres, a firma gala está ofrecendo en Galicia contratos a prezo base de 29,5 céntimos.

O prezo do leite

Galicia segue a ser a comunidade do Estado co prezo medio máis baixo, con 32,6 céntimos por litro en novembro do 2019, segundo o último dato publicado polo Fondo Español de Garantía Agraria (Fega). A cifra está moi lonxe da media estatal (34 céntimos) ou europea (35,31 céntimos).

A tendencia á alza na Unión Europea fixo que, dende xuño a decembro, o prezo medio comunitario se incrementase un 6’4%. O incremento tamén se apreciou en Galicia, aínda así, en cuestión de prezos segue estando no último posto do Estado e na cola da Unión Europea.

Máis de 700 granxas pechadas

Tamén a Unión de Pequenos Agricultores (UPA) alerta dos baixos prezos que arrastra España en comparativa cos que se están a pagar na Unión Europea, sendo un 5,7% máis baixos, e se a comparación se fai con Francia chegan a ser un 11% menos. Dende o colectivo alertan de que estes prezos son unha das causas que motivou que durante o 2019 se pecharan 680 ganderías (ata novembro).

Pese á tímida suba dos prezos do leite nos últimos meses do ano, o secretario de Gandería de UPA, Román Santalla, apunta que “as industrias deben reflexionar e ofrecer mellores condicións ós seus provedores”. Dende UPA piden ás industrias que abran unha negociación efectiva cos gandeiros e coas organizacións de produtores.

A organización tamén lle solicita á distribución que aborde a necesidade de que a cadea de valor do leite e os produtos lácteos reflexe a realidade do incremento dos custos que afrontan os gandeiros.

Situación dos prezos en España e na UE. (Datos elaborados por UPA a partir da información do Milk Market Observatory).

Situación dos prezos en España e na UE. (Datos elaborados por UPA a partir do Milk Market Observatory).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información