Na reunión que houbo esta semana do comité de seguemento do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR), o Sindicato Labrego planteou a necesidade de manter este ano os apoios pola Covid para as ganderías de carne.
A reunión serviu principalmente para definir a prórroga do PDR para os anos 2021 e 2022. A ese respecto, a organización agraria expresou o seu acordo co mantemento ou ampliación de fondos para medidas que son básicas para os distintos sectores (incorporacións, axudas zonas de montaña e outras zonas con limitacións específicas, plans de mellora) e coa nova convocatoria tanto para as axudas agroambientais como para as axudas de conversión e mantemento da agricultura ecolóxica.
“Porén, pensamos que estas deberíanse ter convocado xa no ano 2021, xa que hai granxas que levan anos esperando por esta convocatoria e para elas tería sido moi importante ter aproveitado xa este exercicio”, valoran.
A maiores o Sindicato Labrego subliña que pediu que se manteñan as axudas excepcionais temporais para paliar as consecuencias do Covid. A normativa europea (Regulamento (UE) 2020/2220) permite a súa concesión de novo durante o exercicio 2021 (pagada a 31/12/21 e aprobada pola autoridade competente a 30/06/21). O SLG valora que durante o ano 2021 as circunstancias seguen a ser malas ou moi malas en determinados sectores, polo que estas axudas deben manterse.
Críticas a medidas do PDR
Por outra banda, desde a óptica do Sindicato Labrego hai determinadas medidas do PDR nas que non se executaron os fondos, unha cuestión sobre a que pide unha maior análise. A organización cuestiona que non se investise no apoio a circuitos curtos de comercialización nin no aconsellamento a explotacións, segundo detalla en nota de prensa.
Demandan tamén, por último, información transparente sobre os procesos de aldeas modelo e polígonos agroforestais, que se queren financiar parcialmente co PDR.
Futuro Plan de Desenvolvemento Rural
Outra cuestión que preocupa ó Sindicato Labrego e o próximo Plan de Desenvolvemento Rural, que se aplicará a partir do 2023. “A día de hoxe, as organizacións agrarias non tivemos ningunha reunión nin canle de participación para reallizar achegas ou propostas ao novo Plan de Desenvolvemento Rural que a Xunta ten que remitirlle ao Ministerio de Agricultura nos vindeiros meses. Neste senso, lembramos que, na etapa anterior do PDR, a propia Unión Europea advertiu á Xunta da necesidade de garantir participación efectiva dos diversos axentes do sector no deseño do PDR”, conclúen.
Congreso de vacún de carne da organización
O Sindicato Labrego celebra este sábado o seu Congreso de Vacún de Carne, un evento asembleario no que a afiliación debaterá e analizará os principais problemas e desafíos deste sector gandeiro e como abordalos dende a organización agraria durante os vindeiros catro anos. Ademais, a afiliación tamén decidirá se renova a Dirección da Carne do SLG.
Debido ás restricións sanitarias derivadas da Covid-19, o Congreso da Carne do SLG celebrarase cun aforo limitado e respectando todos os protocolos sanitarios nas instalación do Restaurante O Gallegón (Alto do Couso, Maceda).
Con este acto, ábrese o proceso que desembocará a final de ano no X Congreso do SLG.