O Sindicato Labrego pide limitar o tamaño das granxas a 300 vacas

A organización agraria presenta unha batería de alegacións ó borrador do Real Decreto de ordenación das ganderías bovinas. Solicita limitar a carga burocrática das pequenas e medianas ganderías

O Sindicato Labrego pide limitar o tamaño das granxas a 300 vacas

Imaxe de arquivo dunha granxa.

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) acaba de presentar alegacións ó proxecto do Real Decreto no que se establecen as Normas Básicas de Ordenación das Granxas Bovinas, en fase de elaboración polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Entre as súas reclamacións, o Sindicato Labrego pide limitar o tamaño das granxas de vacún a un máximo de 180 cabezas ou que poida chegarse a 300 vacas, sempre e cando se trate de proxectos asociativos e con dispoñibilidade de base territorial suficiente para abastecer este gando.

Reclaman que estas limitacións se apliquen para tódalas categorías de ganderías, extensivas e non extensivas. “Para preservar a agricultura tradicional e respectuosa co medio ambiente é imprescindíbel ser máis esixentes e restrictivos coa creación de novas macrogranxas”, reivindican.

Piden que se recoñeza os múltiples aportes das medianas e pequenas ganderías de bovino no rural e alertan sobre a insistencia de afastar a actividade gandería de bovino, unha medida contrario ós valores de transparencia para a produción de alimentos. “Tal e como está plantexado o texto, semella que o borrador do RD só está tendo en conta a existencia de explotacións industriais, un modelo que, habida conta dos seus prexuízos para o medioambiente, os animais e as persoas, debería estar en fase de desmantelamento, reorientando as políticas agroalimentarias precisamente cara a pequenas e medianas granxas”, valora a Secretaria Xeral do SLG, Isabel Vilalba.

Evitar máis burocracia

Nas súas alegacións, o Sindicato incide na necesidade de evitar sobrecargar de trámites burocráticos ás medianas e pequenas granxas de bovino. Recordan que moitas das prácticas recollidas no borrador do Real Decreto son xa habituais nas granxas, pero o feito de esixir un importante número de xustificacións burocráticas engadidas inviabiliza en grande medida moitos destes proxectos de pequena e mediana escala.

Afean que o borrador recolla máis esixencias para as explotacións de menor tamaño que para aquelas que pertenecen a tramos superiores. Esixen que para un nivel inferior a 75 vacas por ganderías, tanto na orixe como en ampliacións, se deixe sen efectos este Real Decreto, ao estar suficientemente regulados na actualidade tódolos aspectos que contempla.

Novo Libro de Rexistro

Tamén solicitan que o contido do Libro de Rexistro do novo Real Decreto debe adaptarse ó Libro de Rexistro vixente na actualidade. “Non resulta pertinente a solicitude dun rexistro duplicado de datos, ou novas categorías que implican sobrecarga para as persoas titulares da explotación”, sinalan dende o Sindicato Labrego.

Consideran que se deben ter en conta factores como a dificultade de conectividade das zonas rurais, a fenda dixital vinculada á media de idade e cobertura, á hora de facer novas esixencias.

Neste contexto, inciden en que a esixencia dun contido mínimo formativo para o persoal da granxa debe quedar supeditado á oferta por parte da Administración pública deste tipo de itinerarios formativos, dado que na actualidade non existe unha formación con estas características. “Tal e como está recollida no borrador do texto alegado, atopámonos cunha nova esixencia de difícil ou imposíbel cumprimento”, concretan.

Outras esixencias do novo Real Decreto

Á marxe dos aspectos sobre os que incide o Sindicato Labrego Galego, dende o sector gandeiro galego xa se amosou o descontento con outros cambios que propón o novo Real Decreto. Unha das esixencias que suscitou máis rexeitamento foi a distancia mínima de 500 metros para as novas granxas con respecto dos núcleos de poboación ou otras ganderías, que se facía case imposible de cumprir en territorios como Galicia.

Na última modificación do borrador o Goberno decidiu retirar xa este requisito, pero mantén a obrigatoriedade de contar cun valado perimetral para tódalas novas instalacións, unha medida que tampouco foi ben recibida polo sector.

Outras das medidas polémicas que propón o Goberno é o rexistro de acceso á granxa tanto de vehículos como de persoas, ademais de dispor dun espazo específico para o cambio de roupa.
Ademais, coa nova norma, tanto as novas granxas como as actuais deberán eliminar o emparrillado da zona de descanso.

– Consulta aquí máis detalles sobre os cambios que propón o novo borrador do Proxecto de Real Decreto polo que se establecen as normas básicas de ordenación das granxas bovinas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información