A seca deste verán, acompañada de temperaturas medias máis elevadas das habituais, está a xerar dificultades na maioría de sectores produtivos do agro. Ante esta situación, o Sindicato Labrego avoga por deseñar liñas de axuda que garantan a viabilidade das granxas, cambiando o enfoque actual, que segundo a organización agraria, “levou a un sobredimensionamento e tecnificación das explotacións, pero non preparou ás granxas para afrontar estes episodios de seca”, cuestionan.
A organización agraria insiste na convocatoria da mesa polo cambio climático, “que debe funcionar de xeito continuado dentro dun gran pacto social que poña os problemas enriba da mesa, busque solucións e permita unha planificación ordenada da produción de alimentos”.
Indemnizacións para paliar as perdas
Ante a gravidade da crise deste ano, “que ameaza con levar por diante centos de granxas de todo tipo”, o Sindicato Labrego pide tamén que a Consellería de Medio Rural convoque unha liña de axudas directas con fondos propios que palíe as perdas no agro.
Horta, gandería de carne, leite e apicultura
O Sindicato Labrego fai un repaso da situación e destaca que “a produción de horta ao aire libre, sen rego, é inviable en moitos lugares e mesmo se reduciu á metade dunha campaña normal”.
En canto á campaña de forraxe para o gando, “a recollida de herba resultou desastrosa. Nalgunhas zonas da montaña de Lugo, as granxas recolleron a metade de herba que en anos anteriores, cunha tendencia nos últimos tres anos de reducción da colleita. A consecuencia é que a día de hoxe hai granxas consumindo forraxe que nun ano normal non se comezaba ata xaneiro”, destacan.
Outro problema está no millo, que non se pode desenvolver con normalidade pola seca, o que fai prever unha campaña con peores calidades e rendementos, “insuficientes para abastecer ás granxas de leite, xa deficitarias na produción de forraxes”, lamentan.
Tampouco o sector apícola se libra, cunha caída de produción de mel de ata as tres cuartas partes, nun contexto meteorolóxico que ademais favorece o avance da velutina.
Más información
Galego










Control OJD