O Sindicato Labrego pide “actuacións urxentes” para autorizar o prato invertido para o xurro

A organización agraria achácalle á Consellería de Medio Rural falta de axilidade para cambiar a normativa, o que advirten, expón a posibles multas ás granxas

CAPON HOLSTEIN SC (Chantada) cisterna xurro purin2A Consellería do Medio Rural anunciaba o pasado mes de marzo que poría en marcha nas datas seguintes “os mecanismos necesarios para, contando cos informes técnicos favorables, regular a aplicación dos xurros con prato invertido en Galicia”.

Medio ano despois non se produciron avances, polo que desde o Sindicato Labrego Galego piden á actual titular do departamento autonómico, María José Gómez, “que asuma as súas competencias e traballe para que sexa real” a posibilidade de utilizar este sistema como alternativa aos tubos colgantes e inxectores. 

O certo é que a día de hoxe non está autorizado o uso nin do prato convencional nin do prato invertido para sacar o purín

“Xa pasou máis de medio ano e nada máis se soubo desta suposta autorización, anunciada á calor das mobilizacións agrarias deses meses. Pero o certo é que a día de hoxe non está autorizado o uso nin do prato convencional nin do prato invertido para sacar o purín”, lembra Brais Álvarez, coordinador do sector da carne do SLG.

“As gandeiras e gandeiros galegos seguimos expoñéndonos a sancións que poden chegar ata os 1.000€ por empregar un sistema non permitido dende o 1 de xaneiro, téndose dado xa casos de notificacións por utilizar o sistema de abanico”, asegura.

Informes do CIAM

O Real Decreto 1051/2022, de 27 de decembro, polo que se establecen normas para a nutrición sostible dos solos agrarios, abre a posibilidade a que se autorice o uso do prato invertido, deixando esta valoración como unha competencia da comunidade autónoma, aínda que desde o SLG califican de “engano” os anuncios realizados tanto por parte do Ministerio como por parte da Xunta. 

“O certo é que o texto definitivo publicado polo Ministerio non recolle a posibilidade de usar o prato invertido e segue a manter a exención das parcelas do 10% de pendente (se os recintos da granxa que superan este 10% son máis da metade das hectáreas totais ou se o total de recintos con pendente menor a 10% suman menos de 2 hectáreas). A día de hoxe, e a pesares dos anuncios vitoriosos, non está autorizado o uso nin do prato convencional nin do prato invertido para sacar o purín”, afirma.

“Para que as granxas galegas podamos traballar coa tranquilidade básica e esencial de estar cumprindo a normativa vixente, só é preciso que a Consellería do Medio Rural confirme que o prato invertido é unha medida de mitigación de emisións avalada tecnicamente e recoñecida pola comunidade autónoma para a que se teña demostrado unha eficiencia similar á das medidas recollidas no propio Real Decreto para reducir emisións de amoníaco, apoiándose en traballos realizados polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) que cuantifican a redución de emisións de amoníaco fronte ao uso do prato convencional”, lembra Brais. 

“Fai meses a Consellaría saíu anunciando que dispoñía de estudos que demostrarían a eficiencia do prato invertido para reducir as emisións de carbono. Dende o SLG esiximos que faga os informes pertinentes e que lexisle de xeito inmediato para autorizar ás granxas o uso do prato invertido. A súa deixadez está a comprometer a viabilidade económica das granxas, é unha absoluta irresponsabilidade”, afirma o coordenador do sector da carne no Sindicato Labrego Galego. “Dende o SLG esiximos respostas e actuacións urxentes para dar solución a unha problemática que afecta a máis de 5.500 granxas de leite e preto de 20.000 de carne”, cuantifica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información