En menos de 15 días, o vindeiro 1 de agosto, entran en vigor os novos contratos das granxas produtoras de leite galego. No Sindicato Labrego, manifestan sorpresa ante o feito de que o Observatorio do Sector Lácteo de Galicia se reunirá con posterioridade ás sinaturas. A organización agraria defende que é precisa unha suba importante, tendo en conta o contexto europeo.
Segundo se recolle nas Declaracións de entregas de leite, “o importe medio declarado en Galicia en maio de 2025 foi de 0,488cts/ litro de leite, sendo a cifra máis baixa de todo o Estado, cando somos a rexión que maior volume de leite producimos con diferenza”, cuestionan.
“Somos a comunidade do Estado español que menos cobra o prezo do leite, e dentro das rexións produtoras europeas somos das que menos cobra, e aínda por riba o diferencial de prezos que hai entre as nosas granxas máis pequenas e as nosas máis grandes supera os 8 céntimos – 8,57cts segundo os datos da Consellería do Medio Rural do mes de maio-”, denuncia Xulio Fernández, coordinador do Sector Lácteo no Sindicato Labrego.
Tal e como denunciamos en marzo, incrementouse o diferencial entre as granxas máis pequenas e as máis grandes: daquela era de 6,6 céntimos. “Galiza é quen tira polo prezo medio do Estado para abaixo. A media do Estado non alcanza a outros Estados de Europa que podía ser semellante porque á rexión que máis produce estáselle pagando moitísimo menos”, manifesta.
No Sindicato Labrego Galego defenden “que o prezo do leite debería subir máis do que as industrias propoñen”. “Convocar o Observatorio do Sector Lácteo en setembro, logo da renovación de contratos é absurdo, deberían telo convocado hai un mes, e non logo de que estean xa os contratos asinados por 7 ou 8 meses”, sinala Fernández.
Galego










Control OJD