O Sindicato Labrego levará aos Concellos das Rías Baixas os problemas que se aveciñan na vendima

A organización solicitará reunións cos alcaldes da comarca vitícola tras unha asemblea con máis de 60 produtores, na que acordou intensificar a presión institucional ante os baixos prezos da uva

Publicidade
O Sindicato Labrego levará aos Concellos das Rías Baixas os problemas que se aveciñan na vendima

O Sindicato Labrego Galego (SLG) solicitará reunións cos alcaldes dos concellos da comarca vitícola das Rías Baixas para trasladarlles a preocupación do sector e reclamar o seu apoio ante a situación que atravesan as explotacións vitícolas. A decisión foi adoptada nunha asemblea convocada pola organización, na que participaron máis de 60 viticultores e viticultoras, xunto con representantes da organización e do sector do viño.

O obxectivo destes encontros será demandar a implicación das administracións locais para que insten á Xunta de Galicia a adoptar medidas que garantan a viabilidade económica das explotacións. O SLG denuncia que persisten incumprimentos da Lei da Cadea Alimentaria e considera insuficiente a resposta da Administración autonómica diante da evolución do mercado.

Entre as principais reivindicacións que trasladará aos alcaldes figuran catro propostas consideradas prioritarias. A organización agraria solicita que as subvencións públicas ás adegas estean condicionadas ao cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria, limitando o acceso ás axudas ás empresas que non respecten pagos pola uva que superen os custos de produción.

Tamén reclama limitar temporalmente as novas plantacións de viñedo, manter os controis sobre a produción máxima autorizada e reforzar a vixilancia para evitar a entrada de uva e mosto procedentes doutras zonas que non sexan da denominación.

A organización advirte ademais da presión que soportan os produtores polos prezos ofrecidos para a uva. Segundo expón, están a presentarse contratos moi afastados do custo de produción, estimado por distintos viticultores en 1,52 euros por quilo.

O SLG lembra que o Consello Regulador trasladou esta referencia á Xunta para a súa oficialización, pero asegura que aínda non existe un prezo de referencia establecido pola Administración galega.

A organización advirte de que esta situación pode provocar o abandono de numerosas pequenas explotacións familiares, co conseguinte impacto económico, social e ambiental sobre o territorio. Tamén defende recuperar a diferenciación das distintas subzonas da denominación, especialmente O Condado e O Rosal, mediante un mapa de calidades que contribúa a poñer en valor as características específicas da súa produción.

O Sindicato asegura que, se non obtén resposta por parte dos concellos nin da Xunta, intensificará as mobilizacións previstas nas próximas semanas para reclamar solucións que garantan o futuro da viticultura nas Rías Baixas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información