O Sindicato Labrego Galego denuncia os problemas na tramitación da PAC e pide ampliación do prazo

A organización critica as declaracións do Ministerio de Agricultura e alerta das graves dificultades técnicas e administrativas que afectan ás persoas tramitadoras en Galicia

O Sindicato Labrego Galego denuncia os problemas na tramitación da PAC e pide ampliación do prazo

Imaxe de arquivo.

O pasado 14 de marzo, o Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA) informou ás organizacións tramitadoras da Política Agraria Común dunha comunicación do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que dicía que “non existe ningunha circunstancia especial que faga necesario ampliar os prazos” da solicitude da PAC. Ademais, instaba a acelerar o ritmo de presentación das solicitudes.

Porén, o propio FOGGA recoñecía no mesmo comunicado as “dificultades iniciais” que se produciron en Galicia. Agradecía tamén o esforzo das entidades tramitadoras para tratar de cumprir os prazos establecidos.

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) amosou o seu desacordo coas declaracións do Ministerio. A organización considera que demostran “un grave descoñecemento da diversidade de características das producións agrarias presentes no Estado”.

O SLG tamén critica a ineficacia das administracións autonómicas na xestión da PAC. No caso galego, consideran que a Consellaría do Medio Rural non trasladou adecuadamente ao Ministerio as especificidades propias do sector agrogandeiro da comunidade.

A tramitación da PAC en Galicia comezou xa con dificultades. Mentres que o prazo estatal para presentar solicitudes iniciouse o 20 de febreiro, a Xunta de Galicia publicou a súa orde varias semanas máis tarde, o 5 de marzo.

“Continuamos con que a formación proporcionada pola Administración galega ás novas persoas tramitadoras, lonxe de terse impartido antes do inicio de prazo, foi programada para o 6 de marzo, cando a tramitación levaba activa varias semanas”, explican. O SLG denuncia tamén que, a día de hoxe, seguen sen dispoñer dalgúns códigos necesarios para a tramitación dalgúns expedientes.

Outro dos principais problemas está relacionado coa aplicación informática utilizada para tramitar as solicitudes. As entidades tramitadoras denuncian ralentizacións, suspensións de funcionamento e fallos técnicos que dificultan o proceso.

Entre os erros máis comúns está o mal funcionamento das capas de concentración parcelaria non integrada. Estes problemas chegan a expulsar ao usuario da aplicación logo de ter investido moito tempo nunha solicitude.

Tamén se rexistran erros no cálculo da carga gandeira, que deben ser corrixidos manualmente. Así mesmo, existen dificultades para consultar información das explotacións na base de datos autonómica SITRAM.

Outro dos cambios que complicou o proceso este ano foi a obrigatoriedade de indicar a data de inicio e fin de cultivo de todos os recintos declarados na PAC. O modelo agrario galego, caracterizado polo minifundismo, obriga a introducir moitos máis datos que noutras zonas do Estado.

A ferramenta informática que axilizaba este proceso estivo inoperativa “durante polo menos quince días”. Este atraso afectou de forma significativa ao traballo das entidades tramitadoras, que tiveron que incorporar datos de máis de 66.000 recintos só no caso do SLG.

Dentro das solicitudes tramitadas polo Sindicato, 24 expedientes teñen máis de 300 recintos, e 4 deles superan os 500. O SLG recoñece que as incidencias son atendidas polo servizo técnico. Non obstante, lamentan que estas reparacións se realizan en horario laboral, interrompendo o traballo das tramitadoras.

Outro problema engadido é o das fotografías xeorreferenciadas: “deben ser realizadas a través dunha aplicación que segue sen ser universal para todo tipo de móbiles, adoece dunha mala sincronización de datos e supón un sistema moi pouco axeitado a tenor da idade media de titulares de granxas na Galiza”.

O SLG tamén alerta de que a tramitación da PAC non consiste só en rexistrar datos, senón tamén en asesorar ás persoas produtoras. As entidades tramitadoras deben realizar esta función nun contexto de limitacións técnicas e de tempo.

A organización sindical subliña o impacto que estas dificultades están a ter na saúde das persoas tramitadoras. A situación de constantes erros informáticos e problemas técnicos está obrigando a estas persoas a ampliar as súas xornadas laborais, mesmo traballando durante as fins de semana.

A menos de 25 días para o 30 de abril, data límite para presentar as solicitudes, o SLG asegura que moitas persoas están a vivir unha situación de ansiedade e estrés “por motivos totalmente alleos á súa responsabilidade”.

Por todo isto, o Sindicato Labrego Galego considera que existen múltiples circunstancias que fan necesario ampliar o prazo de tramitación da PAC. O SLG solicitou á Consellaría do Medio Rural que traslade ao Ministerio de Agricultura a situación que se está a vivir en Galicia.

Reclaman tamén unha reflexión por parte da Administración sobre a eficacia do proceso de dixitalización da PAC, que, segundo o Sindicato, podería ser mellorada de forma substancial.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información