O Sindicato Labrego Galego chama a mobilizarse este luns na Coruña contra o acordo con Mercosur

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) convoca unha concentración o vindeiro luns 12 de xaneiro, ás 12:00 horas, diante da Delegación do Goberno na Galiza en A Coruña (Praza de Ourense, 11. Ao lado do porto) para amosar o seu rexeitamento ao tratado de libre comercio entre a Unión Europea e o Mercosur.

A organización labrega critica que “a Unión Europea e os países do Mercosur están a piques de asinar un acordo que vende a soberanía alimentaria de Europa e América Latina e que se pretende pechar ignorando o rexeitamento maioritario da sociedade e do sector agrario”.

“O SLG, como membros da coordinadora internacional La Vía Campesina, sumámonos así ao rexeitamento que o movemento labrego está a amosar contra este tratado. Denunciamos que este acordo beneficia os intereses das grandes multinacionais e do agronegocio, mentres ameaza a viabilidade da agricultura familiar e labrega a ambos os lados do Atlántico”, engade.

Por último, dende o SLG lembran que “defendemos unha transición agroecolóxica e a soberanía alimentaria. Este tratado vai en contra de ambas: pon en risco o acceso a alimentos saudábeis e prezos xustos”.

MOBILIZACIÓN MERCOSUR XANEIRO 26

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información