O Sindicato Labrego Galego celebrará este domingo o seu Congreso de Horta, Froita e Flor

Publicidade
O Sindicato Labrego Galego celebrará este domingo o seu Congreso de Horta, Froita e Flor

Imaxe dunha reunión do SLG

O Sindicato Labrego Galego elixiu a parroquia de Tabeirós (A Estrada) para celebrar o seu Congreso de Horta, Froita e Flor, evento que se celebra cada catro anos para elixir as persoas que integrarán a nova dirección sectorial na organización agraria e definir a axenda de traballo até a seguinte cita congresual.

As labregas e labregos que asistan a este congreso traballarán, durante todo este domingo 31 de maio, ao redor dun relatorio no que se analiza polo miúdo a situación e problemáticas polas que está a atravesar os sectores hortícola, froiteiro e de flor na Galiza e, a maiores, se achegan as liñas mestras das medidas e políticas necesarias para impulsar e fortalecer unha das producións agrarias con máis futuro e que máis incorporacións laborais está a ter no noso país.

Na primeira parte, o documento denuncia aspectos como a grave crise provocada por unha situación continuada de baixos prezos, as marxes abusivas, a crecente entrada de hortalizas importadas de dubidosa calidade, a imposición maioritaria dun modelo intensivo altamente dependente e contaminante, a falla dunha estrutura comercial forte que favoreza a venda directa sen intermediarios, a perda progresiva do noso patrimonio de sementes autóctonas ou a debilidade asociativa no sector, entre outros.

Trátase de problemas que tamén se dan noutros sectores, do mesmo xeito que se dá a inexistencia de políticas a nivel galego, por parte da Consellaría de Medio Rural, para tratar de facerlles fronte. A falla de solucións institucionais, o relatorio do Congreso de Horta, Froita e Flor do SLG fai propostas baseadas no principio da soberanía alimentaria como a creación dunha mesa de prezos que marque valores mínimos para os alimentos en orixe por baixo dos cales haxa intervención pública; o fomento da organización de produtores e produtoras en cooperativas baseadas nun funcionamento democrático; a promoción do consumo público de froitas e hortalizas galegas en colexios, hospitais, xeriátricos ou actos institucionais; a protección e incremento no uso das sementes autóctonas; perseguir a fraude na etiquetaxe sobre a orixe dos alimentos; apoio, promoción e financiamento das canles curtas de comercialización; adaptación das normas sanitarias que rexen a transformación de alimentos á dimensión da agricultura labrega; ou medidas para prohibir os transxénicos ou minimizar o uso de agrotóxicos e derivados do petróleo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información