O Sindicato Labrego Galego celebra o Congreso do Sector Vexetal na Estrada

A realización do Congreso enmárcase nun momento difícil para o sector, fortemente afectado polas chuvias deste inverno, que prexudicaron en grande medida a produción da primavera

Publicidade
O Sindicato Labrego Galego celebra o Congreso do Sector Vexetal na Estrada

Durante a mañá deste domingo, 1 de marzo, as produtoras e os produtores do do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) xuntarase na Sala Mome da Estrada (Pontevedra) no marco do Congreso do Sector Vexetal, que se inaugurará ás 11:00h e finalizará ás 14:30h. Unha xornada na que se definirán as directrices a seguir pola organización nos vindeiros catro anos e se renovarán as persoas responsábeis do Sector Vexetal do Sindicato Labrego Galego.

A realización do Congreso do Sector Vexetal do SLG enmárcase nun momento difícil para o sector, fortemente afectado polas chuvias deste inverno, que prexudicaron en grande medida a produción da primavera. Por mor do temporal moitas labregas non puiden plantar os cultivos.

“O sector vexetal vimos encadeando consecuencias da crise climática dende hai tempo. Saímos das secas fortes do verán e metémonos nun inverno como o que estamos vivindo. Vén a auga toda de golpe, é imposíbel facer un traballo nas terras. Iso implica atrasos nos cultivos; todo perda tras perda”, denuncia Santiago Rodríguez Cid, produtor de horta en Cartelle (Ourense) e actual responsábel do Sector Vexetal do SLG. Rodríguez Cid destaca que estas perdas abranguen a todo o sector, pero as produtoras máis afectadas son as que cultivan en exterior, como é o seu caso.

O sector hortofrotícola galego segue a ser un sector económico estratéxico e dinámico con oportunidades de crecemento percibido positivamente pola calidade das súas producións

Nestes últimos anos, o Sindicato Labrego Galego solicitou en varias ocasións xuntanzas coa Consellería do Medio Rural para abordar as problemáticas do Sector Vexetal. “Non hai liñas de axudas específicas para o sector, sobre todo no tema da horta, as que din que se poden adaptar é mentira, porque somos granxas pequenas, e non hai nada que cubra as perdas que temos. Imos encadeando anos de perdas en moitas producións. Non sei se é que o sector non importa, ou se é que só importan outros sectores aquí, só hai que ver á conselleira por onde se move. Pero seguimos até que aguantemos”, recalca Rodríguez Cid.

Como recoñecen o responsábel e a vicerreponsábel do Sector Vexetal do SLG, ese abandono do rural -do modelo que defende o Sindicato Labrego Galego-, “reflíctese en múltiples aspectos”. Todas as circunstancias que envolven as producións e coas que as labregas e os labregos se enfrontan día a día, fan que esta actividade sexa percibida pola xente moza como pouco atractiva e segura, o que segue a abrir unha brecha enorme coa falla de relevo nas granxas. A pesares deste contexto tan difícil, o sector hortofrotícola galego segue a ser un sector económico estratéxico e dinámico con oportunidades de crecemento percibido positivamente pola calidade das súas producións, moi atractivo para as consumidoras e que xera interese de cara á chegada de novos proxectos que se queren asentar no rural.

“O máis importante nestes momentos é o traballo colectivo. Loitamos pola nosa existencia. É importante que sigamos traballando para reforzarnos”, afirma a vicerresponsábel do Sector Vexetal do SLG, Belén Fervenza Couñago, en relación ao congreso do sector que terá lugar este domingo 1 de marzo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información