O Sindicato Labrego Galego celebra este sábado en Lalín o seu XI Congreso  

Dentro de tres días, o Sindicato Labrego Galego – Comisións Labregas (SLG-CCLL) celebrará o seu XI Congreso no Auditorio de Lalín. Un evento imprescindíbel para a organización activa dende 1973que marcará o porvir dos vindeiros catro anos. O XI Congreso comezará ás 10:30h cun acto pechado á afiliación da organización onde se debullarán os catros anos da actividade política e sindical, o relatorio sindical e organizativo. Será ás 16:00h, coa anunciación da nova Executiva Nacional e Secretaría Xeral, cando se convoca aos medios de comunicación, hora á que tamén acudirán entidades aliadas aos SLG e se procederá á lectura das resolucións. O XI Congreso do Sindicato Labrego Galego pecharase esa mesma tarde co discurso da persoa Secretaria Xeral.

Durante estes últimos meses realizáronse por todo o país asembleas comarcais de debate e elección das persoas representantes para os vindeiros catro anos. Nestas asembleas, como na xornada do propio Congreso, debátense as prioridades e necesidades para as persoas labregas e, se algo tiveron en común todas as asembleas comarcais, se en algo estiveron de acordo as ducias de labregas afiliadas o SLG que participamos nestas asembleas, foi na necesidade de organizarse para facer oír a voz das labregas en fronte dunhas administracións públicas que levan anos virándonos as costas e lexislando na nosa contra.

En palabras de Isabel Vilalba Seivane, Secretaria Xeral da organización dende 2012, “estamos nun momento moi importante, se cadra máis ca nunca para protexer todo o sistema de produción de alimentos que temos en Galiza. Cada vez quedan menos persoas agricultoras, pero a produción de alimentos saudábeis na nosa sociedade debería seguir sendo un obxectivo fundamental, recalca a gandeira e produtora de faba de Lourenzá”. “Estamos falando de alimentos. Estamos falando de saúde. Estamos falando de conservar o medio rural de conservar a paisaxe e de manter o rural con vida, e temos retos moi importantes e ameazas que están sendo cada vez máis visibles que poñen en perigo o seu futuro.

Vilalba destaca que, entre as maiores ameazas para o rural galego están a falta de relevo xeracional, as dificultades que os distintos sectores teñen para ter rendibilidade —de aí a importancia de consolidar un sistema de prezos xusto—, e toda cuestión de frear unha burocracia que está afogando as granxas con esixencias que, moitas veces, acaban desanimado totalmente o sector. A isto se lle suman a aparición de novas enfermidades, as perdas asociadas ao cambio climático, e todos os proxectos extractivos con forte impacto que se intentan poñer no medio rural poñendo en perigo a alimentación saudábel para o conxunto da sociedade no futuro.

O Sindicato Labrego Galego é unha organización imprescindíbel para defender o país: a nosa terra, a nosa paisaxe, a alimentación e a saúde de todos nós, a xustiza social, o noso rural, a nosa cultura…, a nosa lingua e sobre todo á xente que contribúe dun xeito fundamental a todo isto, as labregas e labregos, engade Vilalba.

A seguir, achégase a listaxe de candidatura de quince persoas escollidas no Congreso para formar parte da Dirección Nacional do Sindicato Labrego Galego – Comisións Labregas. Estas 15 persoas non son toda a dirección nacional, senón unha parte dela, xa que tamén forman parte as persoas representantes das comarcas e as responsables dos sectores e das secretarías.

TITULARES

1. María Carmen Ferreiros Santos (Teixeiro)

2. Brais Álvarez López (Meira)

3. Isabel Vilalba Seivane (A Mariña – Lourenzá)

4. Xosé María García Vilaverde (Ferrolterra)

5. María Belén Fervenza Couñago (Condado – Paradanta)

6. Xosé Manuel Parente Conde (Allariz – Celanova)

7. Estefanía Jacindo Prados (Lugo centro)

8. Xosé Manuel Calvo Rey (Ordes)

9. Eva Mazás García (Tabeirós – Terra de Montes)

10. Manuel Villaverde Salgueiro (Tabeirós – Terra de Montes)

11. Inés Mirás Vieites (Allariz – Celanova)

12. Samuel Formoso Salgado (A Limia – Monterrei)

13. María del Carmen López Varela (Lugo centro)

14. Daniel Castañal García (Meira)

15. Manola Suárez Pozas (Allariz – Celanova)

SUPLENTES

16. Manuel Moure Montes (Chantada)

17. Begoña Pérez López (Lugo centro)

18. Pablo Álvarez Álvarez (Baixo Miño)

19. Concepción Fernández Méndez (Deza)

20. Santiago Rodríguez Cid (Allariz – Celanova)

Cartaz XI Congreso SLG

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información