A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), Isabel Vilalba, xunto coa membro da Executiva Nacional María Ferreiro e o coordinador de servizos técnicos, Andrés Castro, mantiveron unha reunión con representantes do persoal investigador do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, pertencente á Agacal da Consellería de Medio Rural. O encontro tivo como obxectivo coñecer de primeira man as denuncias realizadas nos últimos meses sobre a situación preocupante que atravesa o centro.
En febreiro, 21 das 23 persoas dedicadas á investigación no CIAM enviaron unha carta á Consellería para advertir sobre o que describiron como un “desmantelamento progresivo” do centro. A resposta institucional limitouse a cuestionar esta denuncia, a pesar de contar co apoio maioritario do persoal investigador.
Durante a reunión, o SLG recibiu información sobre distintas irregularidades, especialmente relacionadas co Xefe da Área de Formación, Innovación e Investigación Agraria, Manuel López Luaces. Este funcionario acumula varios cargos no CIAM, incluíndo dirección e xefaturas de distintos departamentos.
Entre os problemas sinalados atópanse a falta de transparencia na asignación de proxectos e a aprobación de proxectos custosos sen consultar ao persoal investigador, o que xera malestar e dúbidas sobre os criterios empregados.
Tamén se mencionaron desviacións na distribución dos recursos. “Un dos exemplos sería o emprego da maior parte do orzamento para a compra de mobiliario e material para uso exclusivo da cónxuxe do propio Manuel López, á que ademais lle foi adxudicada a praza da Xefatura do Departamento de Coordinación e Desenvolvemento Tecnolóxico”, expresan desde o SLG.
A secretaria xeral do SLG destacou que “as denuncias realizadas son moi graves, e a actitude da Consellaría de negar de plano estes feitos”. En relación a isto indicou: “Estamos falando de nepotismo na adxudicación de prazas e trato denigrante ao persoal, chegando incluso á elaboración de informes con datos falsos dalgunha traballadora”.
O deterioro do CIAM tamén afecta “degradación das súas infraestruturas”, incluíndo outras estacións experimentais asociadas. Os problemas inclúen laboratorios en mal estado, maquinaria deficiente e falta de persoal, o que impacta directamente na capacidade de investigación e na resposta ás necesidades do sector agrario e gandeiro galego.
O SLG manifestou o seu apoio total ao persoal do CIAM e esixe á Consellería do Medio Rural que actúe con urxencia. Reclama solucións ás deficiencias na xestión denunciadas e a posta en marcha dun plan de recuperación que freo o deterioro do centro e asegure a súa continuidade como referente da investigación agraria en Galicia.