O Sindicato Labrego dubida da efectividade da Conta Láctea para negociar coa industria

Á organización agraria preocúpalle que o apoio que o sector do leite reciba da Consellería sexa só unha aplicación informática de xestión individual. Reclama que os datos sexan vinculantes para a industria e a mediación directa de Medio Rural

O Sindicato Labrego dubida da efectividade da Conta Láctea para negociar coa industria

Logo da presentación este mércores da plataforma Conta Láctea, pensada para estimar os custos de produción nas ganderías de vacún de leite, o Sindicato Labrego Galego (SLG) amosase cauto ante a efectividade e utilidade desta ferramenta para as granxas nas negociacións dos contratos coa industria. “Estamos a favor de calquera instrumento útil para definir con claridade os custos de produción, pois un panorama máis nítido da economía de cada granxa favorecerá a autonomía na toma de decisións, mais temos que amosar a nosa cautela sobre a utilidade desta ferramenta nas negociacións”, valoran dende o SLG.

Dende o Sindicato Labrego apuntan a que a plataforma informática, mesmo cando o seu uso chegue a ser efectivo e estendido, servirá, no mellor dos casos, para dispor de información pormenorizada dos custos de produción, pero non garante que ese enorme banco de datos vaia ser útil para que as granxas poidan negociar os seus contratos de maneira máis horizontal coa industria. “É imprescindíbel que os custos de produción que se coñezan sexan cumpridos por parte da industria. E entendemos que, logo de realizado un investimento público na Conta Láctea, o consecuente é que a Xunta coloque a vontade e traballo político para conseguir que os datos obtidos a través desta ferramenta sexan vinculantes para a industria”, reclaman.

Cartos públicos e xestión privada

Por outra banda, a organización agraria tamén reprocha que a plataforma fose levada a cabo por entidades privadas. “Resulta cuestionable que, cada vez con máis frecuencia, a Consellería opte por convenios de contías inxentes con entidades privadas para os seus proxectos e plans estratéxicos”, afean.

Sinalan que este xeito de proceder “pode converterse no comodín ao que a Xunta canalice diñeiro público para as tarefas que persoal e organismos públicos non poden facer, precisamente por unha política de cortes e desinvestimento que leva anos a ser denunciada dende o SLG”.

Ademais, apuntan a que a utilización desta plataforma vai supor novos gastos para as ganderías, posto que na maioría de casos requirirá ser xestionada polas entidades de aconsellamento ou organizacións de produtores lácteos. Botan en falta que a propia administración pública estableza recursos para quen non teña os coñecementos e habilidades informáticas necesarios para xestionala.

Cooperación ou competición

A organizacion agraria tamén afea que non se puxera aínda en marcha a Mesa Sectorial do Leite, como un lugar para o debate e a procura de solucións conxuntas para o sector, e se priorizara a plataforma. Ó mesmo tempo reivindican que esta plataforma sirva para establecer cooperación entre produtores.

“Entendemos a posibilidade de comparar datos, de coñecer as realidades doutras granxas e aprender delas tamén no económico como un enorme potencial. Mais antes para compartir coñecementos e ideas, desenvolver estratexias conxuntas, organizarse ante problemas comúns, do que para ver o resto do sector como competidores”, apuntan.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información