O Sindicato Labrego detecta importantes eivas na declaración de Zonas Vulnerables a Nitratos por parte da Xunta

A organización labrega detecta “datos desactualizados e infraestimación da contaminación de nitratos de orixe industrial”

Na mañá de hoxe tivo lugar unha xuntanza entre a Consellaría do Medio Rural (CMR) e as organizacións agrarias para tratar a declaración de varios concellos galegos como zonas vulnerables á contaminación por nitratos (ZVN) nos vindeiros meses.

Neste encontro o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) puxo de manifesto a súa “sorpresa” pola declaración de ZVN de concellos de baixa intensidade gandeira, “resultando canto menos sorprendente o uso de datos desactualizados -os resultados das análises correspóndense ao cuatrienio 2016-2019-, e que non determinan con claridade que sexa a actividade agrogandeira a causa significativa da contaminación”.

Neste sentido, dende o SLG lembran que “como é sabido, a determinación de zonas con eutrofización de augas superficiais non se debe na maior parte dos casos á actividade agrogandeira, senón a causas industriais”. “Este problema -advirten- pode agravarse seriamente coa implantación de industrias pesadas en zonas agrogandeiras do país, como é o caso da macrocelulosa de Altri e Greenalia, que ameaza con verter 30 millóns de litros diarios de augas cunha elevada concentración de nitratos. Tamén o déficit na xestión e depuración de augas residuais urbanas contribúe a este problema”.

A este respecto dende a organización labrega consideran que “os datos das análises amosados hoxe pola Consellaría non garanten a procedencia exclusiva da contaminación de fontes agrarias”.

Na reunión mantida hoxe o SLG puxo de manifesto “as eivas no modelo de xestión da gandeiría industrial sen terra, como anotar parcelas a moitos kilómetros do lugar de produción dos xurros/estercos ou as malas prácticas dalgunhas empresas encargadas da xestión destes materiais, identificadas por exemplo na comarca da Limia”.

Porén, dende a organización labrega critican que na reunión de hoxe, “a Consellería do Medio Rural, lonxe de falar do programa de medidas a levar a cabo polas persoas titulares das granxas situadas nestas zonas, presentou unha proposta de estratexia de economía circular na que contempla a creación de plantas de tratamento de xurros e esterco destas zonas xunto cun sistema de certificación de sustentabilidade das producións das granxas que entreguen os seu excedentes a estas plantas”.

A Xunta xa sabe onde se van situar estas plantas, cumprindo uns criterios de:
– Existencia de excedente suficiente nun radio de 30 km
– Preto dunha EDAR con capacidade suficiente
– Preto da rede gasista
– Polígono industrial con solo dispoñible

O Sindicato Labrego expresou as súas dubidas ao respecto de que a certificación gandeira sostible presentada pola Consellaría serva para mellorar a rendibilidade das granxas. “Máis ben semella unha estratexia de greenwhashing para vestir de verde o modelo industrial que xera excedentes con potencial contaminante e cun importante custe para o erario público deste modelo de xestión -supeditado á existencia dunha prima enerxética á produción de enerxía a partir de fontes renovables- e baseado nunha predición a futuro de suba do mercado do biogás e do CO2 bioxénico”, advirten.

O SLG defende como alternativa a este modelo “unha ordenación do territorio que garanta base territorial para as nosas granxas, modelos de produción extensivos e produción ecolóxica, así como a existencia de orzamento suficiente para que as granxas poidan acometer proxectos que melloren a súa xestión ambiental, como os plans de mellora ou as axudas vinculadas a contribuír á mitigación-adaptación ao cambio climático e ao uso eficiente dos recursos naturais”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información