O Sindicato Labrego Galego denuncia que as ofertas das industrias ás gandeiras e gandeiros galegos para a renovación dos contratos para os vindeiros meses “son á baixa, situándose a maioría delas nunha marxe que vai dende 1 a 3 ct. menos por litro a aplicar sobre o prezo base vixente antes da renovación, que se sitúa nuns 40/41ct/l de media”, como prezo base máis primas (calidades, volume, bacterioloxía…etc).
“Efectivamente, este descenso vai supor baixar da barreira dos 40ct/l, que non só é psicolóxica, senón que á vista de precedentes pasados vai dar pé a situacións como que nas áreas comerciais haxa leite a 80 ou 70 céntimos, implicando non só unha perda de valor do produto nas granxas, senón repercutindo en distintos elos da cadea”, advirten dende o SLG.
Neste sentido, subliñan que “resulta salientábel que sexan precisamente algunhas das empresas que obteñen máis financiamento público, como Lactalis, Leite Río ou Inleit, as que estean tirando dos prezos á baixa”.
Ante o que consideran un “novo abuso das industrias lácteas” o Sindicato Labrego defende que “dende as institucións públicas pódese -e débese- facer bastante máis que “pedirlles” que non baixen os prezos, como fixo a Conselleira do Medio Rural, María José Gómez, o mes pasado (…) mais non serve con “pedir” de boas intencións, o sector lácteo precisa solucións reais”.
Neste contexto, dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas volven isntar “á Consellaría do Medio Rural e ao Ministerio de Agricultura a investigar a existencia dun posíbel incumprimento da Lei da Cadea, na medida na que se está a producir unha clara desvalorización do leite que afecta a distintos axentes dentro da mesma, con especial incidencia no elo máis feble: as granxas. Neste momento as gandarías galegas seguen estando por embaixo dos prezos pagados en Catalunya, Castela, Andalucía…”
Por outra banda, dado que tradicionalmente o verán adoita ser un momento delicado no consumo do lácteos -vinculado ao peche de escolas, cambio de hábitos cotiáns ou á propia alza de temperaturas-, dende o SLG consideran que “sería importante que a Administración pública se anticipase a esta tendencia implementando medidas que palien as súas consecuencias no sector, entre elas a baixada de prezos ás gandeiras e gandeiros”.