O Sindicato Labrego denuncia atrancos para votar por correo nas eleccións a consellos reguladores

O Sindicato Labrego denuncia atrancos para votar por correo nas eleccións a consellos reguladores

Votación nas elecccións ao CRDO Rías Baixas

O Sindicato Labrego Galego denuncia a existencia de “atrancos” para votar por correo nas eleccións a consellos reguladores previstas para o vindeiro 9 de xullo, o que , ao seu xuízo, “compromete o dereito ao voto”.

En concreto, a organización agraria asegura que “o voto por correo é tan complicado, cando non máis, como o voto en urna, moi dificultoso este último polas escasas mesas electorais onde votar”.

En concreto, dende o Slg critican que para solicitar o dereito a votar por correo “sexa obrigatorio acudir á sede do consello regulador, pois no caso das IXP e das DOs de ámbito galego -como Queixo Tetilla (Boqueixón), Craega (Monforte) ou Mel de Galicia (Boqueixón)- ou de áreas xeográficas amplas, como Pataca de Galicia (sede en Xinzo, con subzonas na Limia, Terra Chá-A Mariña, Lemos ou Bergantiños) ou Queixo Arzúa-Ulloa (con sede en Melide e unha área que vai de Chantada á Estrada e de Curtis e Mesía a Rodeiro e Lalín), obrigaría a facer grandes desprazamentos ás persoas interesadas”.

“Ademais, se a persoa que quere votar non pode acudir a solicitar o voto por correo, debe autorizar a un/ha representante mediante un documento autenticado nunha notaría, co custe que isto representa”, engaden.

Propostas do Sindicato Labrego

“O normal é que -con estes atrancos- esa persoa decida non votar para aforrarse gastos e problemas”, denuncia o Sindicato Labrego.

Neste sentido, dende a organización agraria consideran que esta normativa (Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro) “é profundamente antidemocrática e obrigará a centos de labregos e labregas a renunciar ao seu dereito ao voto”.

Por iso, dende o Slg instan á Xunta a revisar e actualizar o sistema de votación. Como medidas, propoñen “habilitar a rede de Oficinas Agrarias Comarcais, ou mesmo as de Correos, para que se poida solicitar nelas o voto por correo; anular obrigas como as de acudir a unha notaría para designar unha persoa como representante para votar; e obrigar a habilitar mesas de votación suficientes e ben distribuídas para garantir a participación naqueles consellos de área xeográfica ampla”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información