O Sindicato Labrego demanda á Xunta que “as axudas complementarias para o sector cárnico cheguen a todas das granxas”

O Sindicato Labrego demanda á Xunta que “as axudas complementarias para o sector cárnico cheguen a todas das granxas”

A Xunta de Galicia activou o pasado venres o procedemento de solicitude de axudas temporais e excepcionais ás persoas produtoras de carne para compensar as dificultades económicas derivadas da invasión rusa de Ucraína (MR244A), complementarias ás publicadas polo Ministerio de Agricultura o ano pasado.

Neste sentido, dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) amosan a súa “preocupación ante a posibilidade de que parte das granxas queden excluídas das axudas públicas ás que teñen dereito”.

Así, os cálculos do persoal técnico do SLG-CCLL subliñan o feito de que, se as persoas beneficiarias foron 11.854, habida conta a tramitación por tramos establecida pola propia Administración galega, o total orzamentado pola Xunta de Galicia debería ser de 18.415.640€, e non 17.156.000€. “Para que estas axudas cheguen a tódalas granxas que tiveron e deberán ter desta vez tamén dereito ás mesmas, a Xunta ten que ampliar a contía en 1.259.640€”, subliñan.

Neste sentido, dende o Sindicato Labrego consideran que “a opción do prorrateo, recollida no propio texto da Orde da Xunta ca intención de estirar os 17.156.000€ en lugar de pagar as cuantías comprometidas, é unha absoluta falta de respecto ao sector”.

“É inxusto o establecemento de tramos polo número de cabezas de cada granxa”

Por outra parte, dende a organización consideran “incongruente e inxusto” o establecemento de tramos de pago en función do número de cabezas de gando de cada granxa. “Sen motivo que o xustifique -e ao contrario da orde do Ministerio de Agricultura, que concretaba unha contía fixa por animal-, a Consellaría do Medio Rural estableceu unha serie de tramos, de tal xeito que, por exemplo, na práctica, unha granxa que teña 4 vacas vai cobrar o mesmo ca unha que teña 10”, advirten.

Neste sentido, lembran dende o Sindicato Labrego que “o pasado mes de setembro a propia Xunta de Galicia animou ás persoas beneficiarias da axuda do Ministerio a solicitar un adianto do complemento galego a través de entidades bancarias, procedemento que, malia que a Consellaría afirmou que non ía implicar custos para as solicitantes, en varios casos supuxo o cobro de taxas, a obriga de contratación de determinados produtos da entidade bancaria e mesmo taxa de penalización por cancelación”.

Ademáis, advirten d eque este adianto calculouse en base a unha contía fixa por animal, como establecía a Orde do Ministerio, e non por tramos, como decidíu a Xunta. “Cómpre polo tanto -demadan- que a Consellaría do Medio Rural aclare canto antes que vai pasar con estas persoas, habida conta de que o cálculo do complemento en base a tramos pode implicar un importe final inferior ao adiantado polas entidades bancarias calculando o importe por animal”. “Existe a posibilidade de que algunhas granxas teñan que devolver parte da axuda adiantada a través da intermediación bancaria promocionada pola propia Administración”, avisan dende o SLG.

En conclusión, dende o Sindicato Labrego Galego esixen “a garantía por parte da Consellaría do Medio Rural de que esta axuda chegará á totalidade de granxas beneficiarias recollidas na Orde publicada polo Ministerio en setembro do ano pasado e aclare que vai pasar cas persoas que solicitaron adianto do complemento a través dos banco, ao tempo que demandamos a tramitación polo procedemento de concorrencia competitiva desta e de tódalas axudas públicas activadas pola Xunta de Galicia”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información