O Sindicato Labrego demanda “un control público e obrigatorio da produción láctea en toda a Unión Europea”

O Sindicato Labrego demanda “un control público e obrigatorio da produción láctea en toda a Unión Europea”

O Sindicato Labrego Galego (SLG) rexeita as medidas anunciadas este luns pola Comisión de Agricultura da Unión Europea para atallar a crise de prezos no sector lácteo e pide un control público e obrigatorio da produción en toda a UE para regular o mercado e frear a caída de prezos.

Así, dende o SLG consideran que o fondo de 150 millóns de euros para subvencionar a redución voluntaria da produción de leite no último trimestre de 2016 permitirá que “os países que apostan por seguir incrementando a súa produción para copar o mercado, poderán seguir facéndoo sen problema; mentres que aqueles nos que se reduza a produción, terán asegurada outra esmola coa que poder parchear as contas dun trimestre no que seguirán, con total seguridade, os prezos escandalosamente baixos en orixe”.

En canto aos 350 millóns para axudar a sectores agrogandeiros en crise, ao Estado Español lle corresponden algo máis de 14,6 millóns de euros, desde a organización agraria advirten de que “os principais países culpables do aumento descontrolado da produción láctea que afunde o mercado e os prezos na UE son os máis beneficiados no reparto”.

Por último, o SLG denuncia que non se aumentan os “prezos miserables” que se pagan polo leite para intervención e que o adianto das axudas da PAC “non funcionará, como xa de demostrou o pasado ano en Galiza”.

“É necesario un control público e obrigatorio da produción en toda a Unión Europea”

Ante esa situación, dende a organización agraria, pídenlle ao eurocomisario Phil Hogan que poña en marcha “un control público e obrigatorio da produción en toda a Unión Europea, algo indispensable para controlar os excedentes, regular o mercado e deter a depreciación do leite”.

E á Xunta de Galicia, o SLG demándalle que “se poña as pilas e, sempre en consenso coas organizacións agrarias, busque o xeito de liderar as negociacións no Estado Español para xestionar da mellor maneira posible a asignación e execución dos exiguos recursos que se lle ofrecen ao sector dende Bruxelas e melloralos coa máxima achega posible que a lei permita facer dende o Estado e Galiza; amais de tentar que o Ministerio de Agricultura defenda en Bruxelas a necesidade dun control obrigatorio e público da produción”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información