O Sindicato Labrego mantivo hoxe unha primeira reunión co novo equipo da Consellería do Medio Rural, co que abordou a situación dos distintos sectores produtivos da comunidade. Unha das cuestións que estivo sobre a mesa foi a da crise de excedentes na Ribeira Sacra.
Trala reunión, a secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba, manifestou o seu temor a que, se non se toman medidas, queden ata “un millón de kg. de uva sen recoller na próxima vendima da Ribeira Sacra”.
“Hai a opción de que as adegas con excedentes acometan unha destilación de crise, pero desde Medio Rural indícannos que as adegas son pouco favorables a esa medida. A Consellería asegúranos que está traballando en medidas alternativas, pero non concretou ningunha”, sinalou Vilalba.
“Polo tanto, sobre este tema saímos ca preocupación de non poder dicir ao sector que existan medidas concretas que garantan prezos e recollidas”, lamenta. Desde a organización agraria piden unha mesa de traballo na denominación de orixe para abordar a situación. “É irresponsable que as adegas pretendan deixar pasar a destilación de crise e deixar uvas sen recoller no campo. É preciso abordar esta situación con elas, e, en calquera caso, penalizalas no acceso a fondos públicos se deixan uva sen recoller”.
A maiores, o Sindicato Labrego propón medidas a nivel de todo o sector vitivinícola de Galicia. “Primeiro, se hai excedentes, sería preciso limitar as plantacións que están facendo grandes adegas que veñen a Galicia con apoio de fondos públicos de reestruturación de viñedo”, cuestiona Vilalba. “En segundo lugar, hai que prestar apoios á xente nova que fixo investimentos no viñedo e non deixalos caer, e en terceiro lugar, acometer campañas de promoción estatal dos viños da Ribeira Sacra; quizais non todos os fondos de promoción deban ir ó exterior”, valora.
Prezos no sector cárnico, leiteiro e horta
Outro dos focos da reunión estivo nos prezos que atravesan os distintos sectores produtivos.
“Na reunión coa Consellería trasladamos que a situación de prezos é moi preocupante non só no sector leiteiro e cárnico, senón tamén noutros como o da horta, moi invisibilizado e que adoita quedar sen apoios durante as crises”, sinalan.
En demanda de medidas concretas, o Sindicato Labrego anuncia unha concentración este mércores ante a delegación de Ourense da Consellería do Medio Rural, na que tamén abordarán a necesidades de medidas pola Enfermidade Hemorráxica Epizóotica.