A principios deste mes, o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) solicitou á Consellaría do Medio Rural (CMR) os datos nos que se sustenta a declaración de varios concellos galegos como zonas vulnerables á contaminación por nitratos (ZVN), ao considera que “remiten a información desactualizada -os resultados das análises correspóndense ao cuatrienio 2016-2019- e que non determinan con claridade que sexa a actividade agrogandeira a causa significativa da contaminación”.
Neste sentido, dende a organización labrega lembran que “a contaminación de augas por nitratos ten entre as súas causas tamén circunstancias que nada teñen que ver ca produción de alimentos, tales como as perdas de redes de saneamento ou os lixiviados de vertedoiros urbanos”.
Ademáis, engaden que “as analíticas realizadas só permitiron determinar o grao de contaminación das augas por nitratos, pero non a súa potencial orixe, para o que, como si se ten feito noutras comunidades autónomas, polo que a Consellaría do Medio Rural debería realizar analíticas multi-isotópicas, que permiten diferenciar as distintas fontes de contaminación antrópicas, así como entender e avaliar os procesos de fraccionamiento que afectan aos contaminantes”.
Unha vez feitos públicos estes datos, dende o Sindicato Labrego instan á Consellaría a “revisar e retirar da declaración de zonas vulnerables naqueles concellos nos que non estea clara a orixe agrogandeira da contaminación por nitratos, así como naqueles nos que o modelo de gandaría contribúe precisamente a reducir esa contaminación por facer pastoreo ou ter unha baixa carga gandeira”. Demandan igualmente “un criterio que permita descartar focos puntuais ou ilóxicos non atribuíbles á contaminación xeralizada”.
“As analíticas están obsoletas e en determinados lugares non se explica o resultado nin as medidas, xa que non hai tanta carga gandeira nin tanta granxa intensiva”, advirte Andrés Castro, técnico do Sindicato Labrego Galego que está a impartir charlas informativas do SLG nos concellos afectados. “Entendemos que se deben facer análises isotópicas que determinen con claridade a orixe dos contaminantes para así poder tomar as medidas mais axeitadas. É máis, en teoría a administración xa os ten feitos, porque descartaron moitos puntos…. O que nos gustaría sería ver esas análises e saber se se fixeron en todos os puntos ou só nalgúns e por que”.
No Sindicato Labrego consideran tamén que a “Consellaría debería explicar, en primeiro termo, por que non deseñou un plan de actuación dende o momento no que se coñeceu a existencia destes puntos con exceso de nitratos para precisamente tratar de evitar a declaración de ZVN. Tamén por que nin sequera tentou deseñar un programa de acción debatido e consultado coas persoas labregas, a Academia, centros de investigación, etc.”