O Sindicato Labrego critica que os contratos lácteos son “tan complexos que os gandeiros non saben a que prezo van cobrar o leite”

O Sindicato Labrego critica que os contratos lácteos son “tan complexos que os gandeiros non saben a que prezo van cobrar o leite”

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas recomenda ás ganderías de vacún de leite “revisar moi ben” os contratos lácteos que lle presentan as industrias estes meses de cara á renovación. E é que nunha situación de forte incremento dos custos de produción -suba do penso, do combustible, electricidade…etc- fai que “á hora de asinar un contrato para os próximos seis meses ou un ano supón que deberías coñecer ben o que asinas”, algo moitas veces difícil porque “os contratos que estamos subscribindo arestora os gandeiros non teñen un prezo claro do litro de leite”, advirten.

Neste sentido, e de cara a aclarar a información, dende o Sindicato Labrego inciden en fixarse no prezo fixo máis prima de graxa e prima de proteína, nada máis (ou descontos, de selo caso). “Aínda así -advirten-, é importante saber que estes contratos van ter ese prezo durante a súa vixencia, pase o que pase cos custes”.

En canto ao máis importante, o prezo do litro de leite, aseguran que “oscilou no último trimestre do ano 2021 desde os 18 cts. deica os 35,6 cts., e no medio existen todas as variables posibles”. “As industrias teñen prezos base distintos en función da granxa, e é máis acusada esta diferenza se non hai prima por volume, posto que se lles ofrece ás granxas distinto prezo base en función do volume de leite”, explican.

A este prezo variable, o Sindicato Labrego, lembra que se lle engaden as primas e penalizacións diversas “que inflúen moito no prezo final do leite”. As máis comúns, e as que se pagan en función de algo coñecido son:

-A graxa e a proteína. Non todas as industrias pagan o mesmo, polo que hai que ter moito coidado con estas dúas primas. Dependendo da calidade do leite, pode variar moito o importe por esta prima en función da empresa. O máis habitual é 3 ou -3 céntimos por décima de desvío, pero hainas de 1,5 ou 6. Outras poñen un tope máximo, a partir do cal xa non pagan as décimas. Lembran que tamén hai algún contrato no que o importe da prima por graxa tamén varía en función da variación do prezo da manteiga en función de algún índice.

-Pastoreo. Cada empresa ten os seus requisitos, fai os seus controis e tamén paga un importe distinto.

-Calidade AA ou calidade extra ou leite especial. As gandeiras e gandeiros teñen que prestar especial atención para identificar en función de que se paga, porque non todas as industrias pagan polo mesmo e tampouco é igual o importe. Para algunhas é xermes menos de 50, ou 25, ou 30; células menos de 200 ou 240 ou 250 e pto. crioscópico superior a 518 ou 519 ou 520.

-Benestar animal. Varía en función da empresa os requisitos. Tamén pode certificar unha empresa externa, e a prima vai en función do nivel que certifique.

-Prima por volume. En función do leite que a granxa se comprometa a vender ao mes ou ano ano durante o período de duración do contrato. É moi variable tamén entre as distintas empresas.

A esta variedade de primas, dende o SLG lembran que podemos engadir á hora de desagregar o prezo por litro de leite as seguintes, presentes en función de parámetros que unhas veces figuran nos contratos e outras veces non: Prima complemento comercial, Prima complemento prezo, Prima calidade (ademais da AA), Prima b, Prima aumento de custes, Prima b+c, Prima varios, Prima leite especial, Prima compensación, Prima axuste, Prima complemento temporal, Prima sostibilidade, Prima pago seguridade alimentaria, Prima leite n, Prima leite n+, Prima complemento, Prima por contrato, Prima, Prima galega, Prima certificación, Prima cooperativa, Prima por consumir na cooperativa, Prima diferencias, Prima trazabilidade.

A todas estas particularidades, dende o Sindicato Labrego lembran que hai que engadir as diferencias de cálculo derivadas de se a forma de fixar o prezo base é variable ou mixta. Así, lembran que “ás veces coñecemos os índices que nos aplican e podemos ter unha idea da súa evolución ou de como van afectar ao prezo nos próximos meses, pero outras veces, son índices dos que non temos nin idea como evolucionan e, polo tanto, non temos forma de saber se un prezo referenciado a estes índices pode servirnos no caso dun incremento de custes nos seguintes meses”.

Estes son exemplos dalgúns dos índices que figuran nos contratos:

-Prezo da manteiga, leite enteira en po (WMP) e o do leite en po desnatado (SMP) que figure en determinadas datas no European Milk Market Observatory (https://ec.europa.eu/info/sites/default/files/food-farming-fisheries/farming/documents/eu-dairy-commodity-prices_en.pdf)

-Prezo da manteiga e do leite en po desnatado que figure no observatorio da cadea láctea dos Países Baixos (https://www.zuivelnl.org/marktinformatie/zuivelnoteringen)

-Prezo do penso vacuno de leite do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (https://www.mapa.gob.es/es/agricultura/estadisticas/informeestimacionpreciospiensosdiciembre2021_tcm30-582872.pdf)

“As gandeiras e gandeiros, logo de que localizamos os índices nos contratos e os traducimos, temos que asegurarnos ben tamén de que a referencia temporal é a que nos di no contrato, porque tamén é moi variable”, subliñan.

Unha vez feitos tódolos cálculos enumerados, para saber canto nos van pagar polo leite inda temos que aplicar unha fórmula matemática, que pode ser dos tipos seguintes:

-Sinxela: Prezo do leite= 0,70*A+0,30*B . Na que A=fixo, B = prezo medio da leite en po, por exemplo. Pode ter un mínimo e un máximo para o B

-Intermedia: Prezo do leite = (0,045627*(euros/manteiga-0,2461)+0,085035*(euros/leite en po -0,387))-0,022

-Complexa: Prezo do leite=[0,7*(prezo fixo trimestral +-primas)]+0,2*[(0,0442*(prezo x-0,442))+(0,085*prezo y-0,5715))]+0,1*1,2188*prezo z

Visto esta complexidade, dende o Sindicato Labrego Galego denuncian que “as gandeiras e gandeiros galegos moitas veces nin negociamos o contrato nin sabemos de que prezo partimos e, como vimos de explicar, é ben difícil sabelo”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información