O Sindicato Labrego critica o “peche en falso” da crise na DO. Ribeira Sacra

Considera que “as axudas publicadas o 30 de decembro discriminan ás persoas produtoras a favor de quen teña grandes extensións de terreo” e critica que a Consellería se teña negado “a convocar unha mesa de traballo con tódolos axentes”

Publicidade

ribeira sacra slgO Sindicato Labrego Galego critica o que considera “peche en falso” da crise de excedentes de viño tinto e de prezos da uva na Denominación de Orixe Ribeira Sacra. En concreto, considera que “as axudas publicadas o 30 de decembro por parte da Xunta discriminan ás persoas produtoras a favor de quen teña grandes extensións de terreo” e critica que a Consellería se teña negado “a convocar unha mesa de traballo con tódolos axentes”

Así, dende a organización labrega botan en falta “unha medida fundamental para os e as viticultoras que non tiveron quen lles recollera a uva: unha axuda directa no 2024 para paliar as perdas de ingresos”.

Igualmente, critican que a Xunta de Galicia “se teña negado a convocar unha mesa de traballo na que todo o sector poida ter voz e participar na famosa “folla de ruta” para a denominación de orixe, que finalmente fomos coñecendo pola prensa logo de ser instrumentalizada para romper a unidade de acción sindical e parar as mobilizacións”.

A este respecto, lembran que “como castigo cara o Sindicato Labrego por seguir mobilizándose canda as viticultoras e viticultores, a Consellaría do Medio Rural anulou a xuntanza xa comprometida coa nosa organización, non nos convocou a ningunha máis e escenificou ante os medios de comunicación xuntanzas -baleiras de contido- con outras organizacións agrarias”.

“Fica claro que prometéronse solucións para desconvocar as mobilizacións do sector que nunca chegaron, e a comezos xa doutro ano séguese sen tratar de xeito integral e democrático, con interlocución con todas as organizacións do sector, un plan completo para a crise do sector, con solucións xa para a campaña 2025 e de futuro. Preguntámoslle á Consellería do Medio Rural: que vai pasar coas persoas viticultoras ás que non lles vai recoller a uva de novo neste 2025?”, cuestiona a Secretaria Xeral do SLG, Isabel Vilalba.

En canto ás medidas concretas de apoio ao sector por parte da Xunta e as adoptadas polo Consello Regulador, dende o Sindicato Labrego consideran que son “parches que van tarde e son insuficientes: non chegaron para evitar que moitas persoas viticultoras non viran como as súas uvas podrecían por falta de saída ou foran obrigadas a vender a prezos de miseria, e non garanten evitar que dentro de nove meses se volvan ver na mesma situación”.

Analizando independentemente cada unha delas dende o SLG aseguran que “a baixada de rendementos nunha campaña de 2.000 quilos por hectárea, se non se estipula un prezo digno do quilo da uva ou se se basea nos prezos pagados no 2024, máis que unha axuda pode ser un problema”.

No tocante á poda en verde lembran que ten que solicitala a Consellería ao Ministerio antes do día 15 de xaneiro. “Alguén sabe se a Consellería do Medio Rural está facendo estes trámites?”, pregúntanse.

E no relativo ás axudas para a conservación da paisaxe -é dicir, as únicas con contías económicas directas- critican que “paradoxalmente non están ligadas ás perdas por prezo ou a non poder vender as uvas, senón á superficie”. “É dicir, van cobrar os maiores importes as plantacións con superficies máis grandes, aínda que sexan de adegas ou persoas viticultoras que puideron vender a uva sen problema, e logo as pequenas superficies como son as das plantacións en socalcos das ribeiras, que son a base das paisaxes e da viticultura social da DO, van recibir cantidades mínimas”, advirten. E lembran ademáis que “os importes propostos son máis pequenos que os aportados na Rioxa -onde no seu momento si se habilitou unha axuda de minimis-, malia requirir a Ribeira Sacra uns custos de produción moito máis altos”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información