Un mes despois de que o responsable de Sectores Vexetais no Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), Santiago Rodríguez Cid, solicitase unha xuntanza urxente co conselleiro do Medio Rural, José González Vázquez, para demandar medidas concretas coas que paliar as perdas no sector vexetal galego derivadas da seca e do incremento de custos de produción, o Sindicato Labrego denuncia que segue sen recibir ningunha resposta por parte da consellería.
“É claramente unha omisión do seu labor, que é ter un medio rural vivo, pero o conselleiro mostra cero interese polo noso sector, que está pasando unha crise moi grande, un sector ao que non se lle axudou o máis mínimo. É grave que se ignore desta maneira a nosa mensaxe de socorro”, apuntou Rodríguez Cid.
“Galicia debería ser riquísima en horta e sen embargo están entrando a diario produtos vexetais de fóra”
“É aínda máis despropósito o seu abandono cando seguen subindo os prezos dos alimentos para as familias e están entrando a diario alimentos de fóra mentres o conselleiro segue sen ter en conta o sector da horta do país”, explica Rodríguez Cid.
Ao igual que noutros sectores, os custos de produción nas fincas para a alimentación humana experimentaron unha desproporcionada suba no relativo aos insumos e materiais precisos para producir, transportar ou repartir as colleitas, xa sexa entregar cestas, ir a mercados, tendas etc.
Os efectos da seca
Canda este ascenso de custos, outro factor importante é a baixa ou a perda de produción, por mor da calor constante e duradeira, “constatando nas prospeccións realizadas até o de agora que existen mermas importantes nas colleitas e perda comercial por deformidades ocasionadas por estrés hídrico”, explica o SLG.
“Hai perdas xeneralizadas en froitas, malas colleitas e con máis podredume en tubérculos, deterioro visual de tamaño en xudía e moitas das verduras que producimos, perdas importantes no sector da flor, así como na recollida do cereal de inverno -arredor dun 30%- e no cereal de primavera -máis do 50%-, con pouca granación por planta e pouco peso de gran ao secar prematuramente polas altas temperaturas”, detalla Santiago Rodríguez.
Melloras nas redes de auga
Entre as medidas concretas que o Sindicato Labrego solicita á Consellería está activar o investimento en captacións e as pequenas infraestruturas para garantir o consumo mínimo necesario para facer o máis sostible posible o rego. “É preciso realizar investimentos estruturais de contado, fuxindo do produtivismo e industrialización que nas épocas de seca non hai auga que lles chegue”, din.
Asemade solicitan a activación dun pago directo de máis da metade do salario mínimo interprofesional (SMI) anual para o numero de agricultores/as a título principal (ATP) que paguen a Seguridade Social en cada granxa, sumando o importe do custo da seguridade social de 6 meses. “Para as titulares de pataca e similares que superen determinado numero de hectáreas habería que permitir complementar até acadar as cantidades solicitadas por activo, limitado a catro persoas”, argumenta Rodríguez Cid.