O Sindicato Labrego critica a falta de actuación da Xunta para axudar ás ganderías de vacún de carne

O Sindicato Labrego critica a falta de actuación da Xunta para axudar ás ganderías de vacún de carne

O Sindicato Labrego Galego critica a través dun comunicado o que considera “deixadez e inoperatividade estratéxica” da Consellería do Medio Rural para a adopción de medidas “para afrontar a grave crise pola que pasan as produtoras e produtores de vacún de carne, na súa inmensa maioría granxas familiares”.

O 20 de decembro do 2021 o Sindicato Labrego presentou por rexistro un escrito dirixido á Consellería de Medio Rural recollendo as medidas urxentes a aplicar no vacún de carne, elaboradas polos gandeiros reunidos en asamblea ese mesmo día. “Medidas básicas e imprescindíbeis -explican dende a organización-, como a convocatoria inmediata dunha liña de axuda baseada no número de vacas nutrices de cada granxa -coa que si contan gandeiras/os doutras partes do Estado ou de países como Francia-, a creación inmediata dunha mesa sectorial, o establecemento de métodos sinxelos para calcular os custos de produción ou a garantía de cumprimento das medidas pertinentes para non vender os produtos a perdas”.

Neste sentido, ante a falta de resposta por parte do departamento que dirixe José González, dende o SLG consideran que “unha vez máis o goberno da Xunta de Galicia dá as costas ao sector de vacún de carne, nun momento no que é preciso apoialo a curto prazo e lexislar para que a longo prazo sexa viable”.

A este respecto, advierten de que “non podemos descartar que a administración estea obviando as súas responsabilidades de xeito estratéxico, deixando esmorecer e morrer afogadas as explotacións sen nin sequera establecer un mínimo diálogo co sector, acelerando a destrución da articulación produtiva da nosa terra para deixar o campo libre ao modelo da agroindustria”.

Así, lembran a exclusión das axudas para sectores agrarios afectados pola COVID-19 das explotacións que teñen menos de 10 vacas nutrices, Orde publicada en decembro do 2020, “contradictoria ca normativa europea, e contra a cal o SLG-CCLL ten interposto un recurso contencioso administrativo”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información