A resolución das axudas para granxas e produtores en ecolóxico en Galicia agrava o descontento do sector. O Sindicato Labrego destaca que máis do 80% de persoas que solicitaron apoios para a conversión a agricultura ecolóxico quedaron fóra dos apoios. A organización apunta que proseguirá as mobilizacións e que trasladará as súas queixas no Comité de Seguimento do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) e no Consello Agrario Galego.
“Das 150 granxas que solicitaron a axuda para conversión só lle foi concedida a axuda pública a 26, denegándoselle a 124. Ademais, solicitaron a axuda de mantemento 281 granxas, pero só foron concedidas 172, así que 109 granxas quedan fóra”, critican desde o Sindicato Labrego.
Así mesmo, a organización apunta que a insuficiente dotación de fondos para a agricultura en ecolóxico “deixa fóra a 30 de 35 produtores que solicitaron a conversión, e tamén quedaron sen axuda a maioría dos que solicitaron a de mantemento de agricultura ecolóxica, concedendo só 36 de 93”, sinalan.
Segundo o Sindicato, este ano acadouse a incorporación de 150 novas granxas ao modelo ecolóxico, sen embargo, “a piques de rematar o 2022, e despois de promocionar desde a propia Consellería do Medio Rural a existencia de axudas para facilitar esta transición de convencional a ecolóxico, a Administración trasladoulle ao sector, 6 meses despois da solicitude da PAC, que faltan máis de 2 millóns de euros para estas axudas”, afirman.
Actualmente, “a Superficie Agraria Útil galega inscrita actualmente en agricultura ecolóxica é só do 5,15%, moi lonxe do obxectivo do 25% estipulado pola UE para o 2030”, conclúen desde o SLG.
Son gandeiro e interesame a vosa publicación.