O Sindicato Labrego Galego informa de que “as gandeiras e os gandeiros de leite galegos están a recibir estes días unhas ofertas de prezos do leite pagados en orixe con rebaixas entre 4 e 9 céntimos por litro que suporían a ruína de miles de granxas, e isto nun contexto no que o prezo percibido polas granxas galegas é o máis baixo de todo o Estado”.
Así, a finais deste ano 2025 as granxas de leite galegas percibían unha media de 0,527 céntimos por litro fronte aos 0,555 céntimos de Castela León (segunda comunidade produtora de leite), os 0,562 de Cataluña (terceira), os 0,544 de Andalucía (cuarta), 0,551 de Cantabria, 0,550 de Asturias ou 0,577 do País Vasco.
Para o SLG “estas ofertas á baixa das industrias, con condicións inaceptábeis, tendo en conta a evolución dos custos de produción, comprometen seriamente o futuro das granxas de leite galegas”, polo que demandan “a intervención urxente da Consellería do Medio Rural nun momento no que están en proceso de renovación a maioría dos contratos do leite para o vindeiro período”.
Incerteza no sector
E é que segundo a organización labrega “a situación do mercado do leite no Estado español, con caídas da produción acumuladas de arredor dun 0,85% no 2025 respecto ao ano anterior, non xustifican a baixa de prezo do leite para a próxima renovación de contratos, senón todo o contrario”.
Ademáis, lembran que o censo de vacas tamén experimentou unha redución dun 2,7% no ano 2025, “polo que é previsíbel que siga caendo a produción”, máxime tendo en conta os miles de sacrificios de vacas que se produciron pola Dermatose Nodular Contaxiosa. As primeiras poxas de Fonterra no que atinxe aos produtos lácteos industriais supuxo de promedio unha suba dun 6,3%, revertendo a tendencia dalgunhas baixas que se produciron ao longo do 2025.
“Non ten sentido que agora precisamente as industrias lancen estas ameazas de baixas, máxime cunha dinámica de mercado interno bastante diferenciada, como unha produción por debaixo do
consumo, e unha tendencia estábel nos prezos ao consumidor final”, argumentan dende o SLG.
Urxe convocar o Observatorio do Sector Lácteo Galego
Neste contexto, dende o Sindicato Labrego consideran que “a Consellería do Medio Rural á fronte, debe liderar unha resposta inmediata a esta grave ameaza de prezos ruinosos e convocar de urxencia o Observatorio do Sector Lácteo Galego, para parar estas baixas inxustificadas”.
Por útlimo, dende a organización labrega advirten que “as industrias lácteas, tendo en conta a tendencia que houbo nos últimos anos de novas instalacións e proxectos industriais na Galiza e tendo en conta o peche continuado de granxas, así como o compoñente xeracional que hai no sector, están a cavar a súa propia ruína, comprometendo mesmo o abastecemento futuro das súas plantas, sen ter en conta que Galiza era un dos poucos lugares nos que se ía mantendo de xeito moderado a produción fronte a caídas importantísimas por exemplo en rexións lácteas históricas como Asturias, con unha caída dun 4,20% no último ano, Cantabria con un 3,68% de caída, País Vasco con 3,33% de caída, Andalucía con 1,63%, Cataluña con 0,81% ou Castela León con 0,94%”.
Por este motivo, dende o SLG-CCLL solicitan xuntanzas con diferentes industrias lácteas ás que anuncian que “lles trasladaremos estas preocupacións e xa temos algunhas citas confirmadas”.
Galego









Control OJD