O Sindicato Labrego celebra este fin de semana en Portomarín o congreso de vacún de carne

O Sindicato Labrego celebra este fin de semana en Portomarín o congreso de vacún de carne

O Sindicato Labrego Galego levará a cabo este sábado, 25 de abril, o Congreso do Sector do Vacún de Carne en Portomarín (Lugo). O acto terá lugar dende as 11 horas da mañá na Casa da Cultura. Nel farase unha diagnose da situación actual do sector e definiranse os pasos a seguir pola organización nos vindeiros catro anos, ademais de renovarse a dirección do sector, composta polas correspondentes comarcais, responsábel e vicerresponsábel do Sector do Vacún de Carne do Sindicato Labrego Galego.

O Sector do Vacún de Carne, segundo a organización, viviu os últimos anos nunha incerteza continua, “sen que os problemas estruturais que sofre se visen acompañados de políticas que permitiran garantir un futuro digno ás máis de 15.000 granxas de carne que vertebran gran parte do territorio galego e, especialmente, ás zonas de alta montaña das provincias de Lugo e Ourense”.

“Estes catro anos foron intensos”, declara Samuel Formoso, actual responsábel do Sector da Carne do SLG e vogal da organización na IXP Vaca e Boi de Galicia. “Comezamos aínda en pandemia, con prezos baixos e tivemos unha morea de concentracións, en Ourense, en Vilalba, en Lugo…”, recorda o gandeiro de Vilar de Barrio (Ourense).

Formoso fai mención aos primeiros anos como vogal do Sindicato Labrego Galego na IXP Vaca e Boi de Galicia. “Somos un pouco o contrapunto á industria e á distribución porque somos os únicos que nos levamos opoñendo a certas medidas que se tentaron implementar dende o Consello Regulador, como o tema do acortellamento (obrigatorio para o cebo final), que deixaba fóra a un montón de granxas; hoxe estamos tamén co tema do Azul Belga que nos queren colar dentro das razas da IXP e nós opoñémonos a que entren razas foráneas na nosa marca”, subliña.

A perda de superficie agraria útil afecta a un sector moi dependente dela para baixar os custos de produción e non ser dependente duns insumos cada vez máis altos e volátiles

O responsábel do Sector da Carne do SLG fai fincapé en que neste período comezaron tamén denunciando ante a xustiza e a sociedade como as granxas de menos de 10 vacas nutrices eran excluídas das axudas para resistir á crise da COVID19, unha axuda xa de por si insuficiente en cantidade que ademais excluía a máis da metade de granxas do sector na propia orde e que só percibiron 4.621 granxas das case 19.000 existentes naquel momento.

Dende o Sindicato reclaman que se poña o foco na Lei da cadea alimentaria, “que segue sen desenvolver os mecanismos que permitan establecer uns custos de produción que permitan regular un sistema que garanta ingresos dignos polo noso traballo e protexernos das importación”.

Tamén explican que a perda de superficie agraria útil afecta a un sector moi dependente dela para baixar os custos de produción e non ser dependente duns insumos cada vez máis altos e volátiles en función da situación xeopolítica (guerra de Ucraína, guerra de Oriente Medio…).

Neste contexto enmárcase o Congreso do Sector de Vacún de Carne do Sindicato Labrego Galego. “Somos unha ferramenta imprescindíbel neste país”, destaca o gandeiro, quen afirma que “é necesario loitar para que as administracións públicas entendan que o futuro do rural son as granxas galegas e que este non pasa por unhas poucas granxas illadas non sostíbeis nin economicamente nin socialmente. Loitar porque se aposte por un modelo de granxa aínda existente que axuda a vertebrar as zonas rurais, con aldeas e vilas con vida”.

Cartaz_Congreso_Carne_SLG

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información