O Sindicato Labrego calcula que ata 250 produtores ecolóxicos poden quedar fóra das axudas deste ano

Empraza á Xunta a "subsanar a exclusión dos produtores inscritos no CRAEGA" e demanda unha liña de traballo específica co sector da horta

Reunión celebrada este mércores de Isabel Vilalba e Santiago Cid con José Balseiros

Reunión celebrada este mércores por Isabel Vilalba e Santiago Cid con José Balseiros

O Sindicato Labrego Galego calcula que ata 250 productores ecolóxicos, entre ganderías e explotacións de horta ou outro tipo, van quedar fóra este ano das axudas agroambientais da PAC destinadas a fomentar este tipo de producións debido á ausencia de fondos para facer fronte a todas as solicitudes. 

A secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba, e o responsable de Sectores Vexetais do sindicato, Santiago Cid, entrevistáronse este mércores co director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, que é director asemade do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA), para lle trasladar a alarma e preocupación existente entre os produtores de ecolóxico por esta situación e demandarlle medidas que palíen os efectos da “neglixencia” da Consellería ao non establecer un orzamento suficiente para garantir apoios para todos os produtores solicitantes da axuda agroambiental de produción ecolóxica inscritos no CRAEGA.

A metade da superficie inscrita este ano no CRAEGA podería quedar sen axudas 

Desde a propia Administración autonómica incentivouse o paso a ecolóxico dos produtores, acadándose este ano a incorporación de 150 novas granxas e explotacións agrícolas, ás que se sumaron as 100 que non puideron facer a solicitude de incorporación anteriormente, acadándose polo tanto un total de 250 novas incorporacións que agora se poden quedar sen a axuda, denuncia o SLG. 

O aumento de solicitudes deste ano en ningún caso pode ser considerado inesperado, como pretende xustificar a Consellería

“Nun momento no que a Política Agraria Común aposta por chegar a ter un 25% das terras agrícolas na UE en agricultura ecolóxica daquí a oito anos, a irresponsabilidade da Consellería do Medio Rural ameaza con deixar sen apoios económicos para esta conversión a practicamente a metade das terras que solicitaron a súa inscrición este ano neste Consello Regulador. Esta situación é gravísima, xa que é a primeira vez que granxas en ecolóxico quedan fóra destas axudas”, denuncia Isabel Vilalba. 

Moi lonxe do obxectivo do 25% da superficie agraria en ecolóxico

A transición cara a produción ecolóxica está a ser incentivada pola Unión Europea, tanto a través do Pacto Verde Europeo e a Estratexia da granxa á mesa como a través da PAC, co obxectivo de chegar a acadar o 25% da SAU en ecolóxico para o ano 2030 no conxunto da UE.

A SAU galega inscrita actualmente no CRAEGA é só do 5,15% e chegaría ao 7% coas hectáreas en conversión

Galicia estaría aínda moi lonxe dese obxectivo, explica o SLG, xa que segundo datos do CRAEGA no 2020 estaban inscritas 32.000 hectáreas, un 5,15% da Superficie Agraria Útil galega, e “de inscribirse as 12.000 hectáreas novas deste ano, apenas estariamos nalgo máis dun 7%”, detalla o Sindicato Labrego.

“Instamos ao director xeral de Agricultura, José Balseiros, a subsanar inmediatamente as consecuencias da ausencia de planificación por parte da Consellería do Medio Rural, ampliando a partida adicada á produción ecolóxica e garantindo que todas as persoas solicitantes podan acceder ás contías inicialmente establecidas”, reclaman. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información