O Sindicato Labrego bota en falta na nova PAC un “apoio real” para as pequenas e medianas explotacións

A organización agraria critica as propostas do Ministerio en relación a cuestións como o pago redistributivo, o agricultor xenuíno ou o tope de axudas por produtor

O Sindicato Labrego bota en falta na nova PAC un “apoio real” para as pequenas e medianas explotacións

Conferencia Sectorial de Agricultura, celebrada esta semana.

Continúan as reaccións desde Galicia á proposta do Ministerio de Agricultura para a nova PAC, que entrará en vigor no 2023. Desde o sector agrario da comunidade, bótase en falta maior ambición política no apoio ás pequenas e medianas explotacións. “Cámbiase todo para que non cambie nada”, resume o Sindicato Labrego.

A organización agraria critica as propostas do Ministerio sobre o agricultor xenuíno, o tope de axudas por explotación e o pago redistributivo, elementos nos que hai coincidencia no sector agrario e na Administración galega.

A maiores, o Sindicato Labrego entende que o Goberno “vira de novo as costas ós modelos multifuncionais e de diversidade de producións”. A organización pon o exemplo do novo reparto de dereitos que se vai facer para os sectores de froita, hortaliza e viña.

“Fica por ver como se van distribuír pero a perspectiva é mala, pois se aposta novamente no pagamento por superficie: A escolla é premiar o tamaño por cima de calquera outro criterio. De novo, as moi pequenas explotacións galegas de horta, viñedo, ou froiteiras, vanse ver desfavorecidas por normas pensadas exclusivamente coa perspectiva de Madrid e doutras comunidades, para as que resulta incomprensíbel podermos vivir cunha hectárea de horta”, valora o Sindicato Labrego.

Axudas asociadas para vacún de leite
Como elementos en principio positivos, a Conferencia Sectorial celebrada esta semana deixou o anuncio do Ministerio dun aumento das axudas asociadas para vacún de leite de 28 millóns de euros anuais, a repartir en todo o Estado.

Para o Sindicato Labrego, trátase dunha decisión do Ministerio para “compensar a mala posición na que nos deixa o pago por hectárea”, se ben pregúntase como van a quedar nese reparto as granxas pequenas. “Os indicios apuntan a que ese incremento estea pensado para as explotacións máis grandes, cunha intención política por tras relacionada coas mobilizacións do leite de Andalucía”, valoran.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información