O Sindicato Labrego asegura que “a prórroga dos xurros é indefinida en Galicia”

O Sindicato Labrego asegura que “a prórroga dos xurros é indefinida en Galicia”

No centro, Isabel Vilalba Seivane, secretaria xeral do SLG, xunto á coordinadora do SLG nas comarcas de Compostela e Bergantiños, Marieta Pastoriza; e Eduardo Quintás, gandeiro de Touro

Unha comitiva do Sindicato Labrego Galego mantivo este venres unha xuntanza de traballo en Santiago coa conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez; e a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo.

Ao encontro, que se celebrou na sede da Consellaría, acudiron por parte da organización agraria a súa secretaria xeral, Isabel Vilalba Seivane; a coordinadora do SLG nas comarcas de Compostela e Bergantiños, Marieta Pastoriza; e os gandeiros Manuel Villaverde (Forcarei) e Eduardo Quintás (Touro). A xuntanza produciuse despois de que o SLG solicitase formalmente entrevistas para tratar diversas cuestións, que van dende os prezos do leite á crise da couza guatemalteca.

Decreto de prohibición de xurros: “Medio Rural afirma que a prórroga será indefinida”

Dende o SLG transmitiron á conselleira a súa preocupación sobre que ía acontecer nos sectores gandeiros unha vez pasado o ano 2018 e caducada a prórroga concedida até que se faga efectiva a prohibición de esparexer xurros con sistemas de prato ou abano. En Galicia a Consellería de Medio Rural prorrogou para este ano o esparexido mediante sistemas de prato ou abano, os máis empregados, e decidiu prohibir o uso do sistema de canón.

“A conselleira díxonos que dispuñan de informes do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) e da Consellaría de Medio Ambiente que demostran que en Galiza non hai un problema salientable coas emisións de amoníaco. Pero quizais o máis importante que nos comunicou é que a prórroga para poder seguir esparexendo os xurros para abonar non vai ser só para 2018, senón que se entende como indefinida, e que aconsellásemos á xente que non fixese ningún investimento en maquinaria para enterrar os xurros porque non ía ser necesario”, informan dende a organización agraria.

Forestacións ilegais de terras agrarias: Compromiso inmediato de levantar 290 hectáreas de forestacións ilegais e de actuar nas vías de comunicación

Outro tema que trasladou a delegación do SLG foi a súa preocupación pola forestación ilegal de terras agrarias, fundamentalmente con plantacións de eucalipto.

“Denunciamos diante da conselleira este problema que se dá en toda Galiza e que deixa sen base territorial moitas granxas. Explicámoslle que non pode ser que a única solución sexa que uns veciños denuncien a outros para que a Administración actúe”, explican.

Como resposta, dende o Sindicato Labrego aseguran que “Ángeles Vázquez díxonos que, neste tema concreto, mantivo un encontro coas xefaturas territoriais de Medio Rural para que se actúe de oficio fronte ás forestacións ilegais. E para levar isto a cabo, propuxéronse metas concretas como facer un plan de actuación dirixido a facer respectar a normativa de distancias nas vías de comunicación, comezando polas principais. Neste senso, a Consellaría de Medio Rural ten intención de levantar 290 hectáreas de forestacións ilegais de aquí a xullo e limpar distancias en 500 kilómetros de autovías, autoestradas e outras vías de comunicación principais, para pasar despois a outras de menor entidade. E nisto están traballando coordinándose con outros organismos como concellos ou a Deputación da Coruña”, explican dende a organización agraria.

Fauna salvaxe e couza guatemalteca

Outros dos temas que trasladou o Sindicato Labrego á conselleira foi o dos danos que provoca a gandeiros e agricultores a fauna salvaxe.

“A conselleira admitiu a gravidade do problema, que xa lle foi transmitido polos sectores gandeiros en varias ocasións e admitiu que a súa magnitude podía compararse á de problemas como o dos prezos do leite, por exemplo. Ángeles Vázquez admitiu que existían poboacións de determinadas especies salvaxes, coma o xabarín, totalmente fóra de control que, ademais dos danos ás granxas, constitúen un serio problema sanitario de transmisión de enfermidades á cabana gandeira como tuberculose, peste porcina, etc. polo que se está a implicar tamén o Ministerio de Agricultura, xa que non se dá só na Galiza. Vázquez afirmou que a Consellaría de Medio Rural tiña unha liña de traballo común coa de Medio Ambiente para tratar de afrontar as poboacións descontroladas de determinadas especies”, explican dende o SLG.

SLG: “Os tecores non están a cumprir coa súa responsabilidade e cos plans de xestión das poboacións de fauna salvaxe”

Dende a organización agraria tamén transmitiron a súa queixa de que “os tecores non están a cumprir coa súa responsabilidade e cos plans de xestión das poboacións de fauna salvaxe en grande medida porque non teñen un apoio decidido da propia administración, porque o seu corpo de socios está moi envellecido e porque teñen serios problemas para dar saída á carne das pezas cazadas”.

En canto á couza guatemalteca, a delegación do Sindicato Labrego transmitiu que non hay un coñecemento da magnitude deste problema no sector e que existe unha grande desconfianza respecto ao seguimento da praga e o programa de control e medidas para erradicala, estando en xogo a produción de pataca non só nas zonas en corentena, senón en toda Galiza. En canto ao programa de indemnizacións reclamaron que, a maiores das xa existentes, se cubra tamén o lucro cesante, especialmente naquelas explotacións nas que unha parte importante dos seus ingresos dependen do cultivo de pataca.

Na reunión tamén se abordaron outras cuestións como a falta de persoal nas oficinas agrarias comarcais, os prezos do leite ou a afectación do proxecto da mina de Touro a ganderías da zona. A este respecto, dende o SLG aseguran que “dentro das súas competencias, a conselleira dixo que tiñan que facer un informe ao respecto e comprometeuse a realizar unha visita a Touro para ver as consecuencias do proxecto mineiro”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información