O Sindicato Labrego Galego–Comisións Labregas (SLG-CCLL) presentou este 5 de novembro unha queixa formal ante a Valedora do Pobo pola falta de convocatoria do Consello Agrario Galego dende que tomou posesión a actual Consellería do Medio Rural (CMR). Denuncia así a inacción e o “funcionamento autoritario” desta Consellería, que continúa a incumprir a Lei 1/2006 e a negar ao sector agrario galego o seu dereito legal á representación e ao diálogo democrático.
Isabel Vilalba Seivane, Secretaria Xeral do SLG, gandeira e produtora de faba de Lourenzá, e Brais Álvarez, apicultor e integrante da Executiva do SLG, incidiron en que por lei é obrigatorio convocar o Consello Agrario Galego catro veces ao ano. “Isto vímolo denunciando dende a chegada da actual conselleira. Tanto en peticións por escritos como por reunións, fomos facéndolle chegar estas preocupacións á Consellería do Medio Rural, e incluso nunha xuntanza que tivo a CMR con nós e con outras organizacións agrarias conseguimos que se comprometese a convocalo en setembro -esta reunión foi o 29 de xullo-. Pasou setembro e outubro e seguimos agardando”, denuncia Álvarez.
O Sindicato considera “caciquil e autoritario” o comportamiento da Consellería, xa que “por estrás está cocinando acordos con organizacións que aplauden o seu modo de actuar”. Consideran dito órgano un espazo “onde ás persoas labregas se nos recoñece o noso dereito a participar democraticamente nas políticas que nos afectan, que tería que reunirse catro veces ao ano e hai dous anos que non se reúne”, declara Isabel Vilalba.
No caso de que non haxa convocatoria conforme establece a lei, non descartan acudir aos tribunais para facer valer os dereitos de representación do sector
Dende o Sindicato Labrego lembramos que o Consello Agrario Galego, regulado pola Lei 1/2006, é o espazo no que deben tratarse as cuestións fundamentais que afectan ao sector, como a nova Política Agraria Común (PAC) ou a crise sanitaria pola Dermatose Nodular Contaxiosa. “Queremos amosar o que é para nós a indefensión que supón a falta da convocatoria en momentos tan importantes coma estes”, declarou Vilalba. Engade que nestes momentos non se sabe que vacas poden estar entrando de Francia, “estamos moi preocupados pola Dermatose Nodular Contaxiosa, que xa levan sacrificado máis de 2000 animais por protocolo ao aparecer este foco en Girona, e existe moita preocupación no sector”.
No caso de que non haxa convocatoria do Consello Agrario Galego conforme establece a lei, non descartan acudir aos tribunais para facer valer os dereitos de representación do sector. “Vémonos na obriga de buscar outras vías para poder exercer os nosos dereitos como labregas”, sinalou Brais Álvarez. “Temos que exercer os nosos dereitos para que o sector sexa tido en conta para os temas que nos afectan no día a día”.
O Sindicato Labrego Galego reclama o restablecemento inmediato dos órganos democráticos de participación agraria, lembrando que o que está en xogo non é só unha reunión, senón o dereito das persoas labregas galegas a participar nas decisións que marcan o futuro do noso rural.
Galego









Control OJD