O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas valora as medidas anunciadas durante esta fin de semana polo Ministerio de Agricultura ao respecto da simplificación administrativa, sanidade animal e rendabilidade das ganderías extensivas pero solicita “ir máis aló” co establecemento de actuacións que demostren un compromiso sólido co sector, “máxime cando falamos de potenciar o modelo de produción que máis contribúe a fixar poboación nas zonas de interior e de montaña”, argumenta a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba, que participou no encontro celebrado o pasado venres en Toledo.
“As cuestións que nos están poñendo enriba da mesa, ao igual que algunhas que se foron conseguindo cas mobilizacións do sector nos últimos meses, son moi importantes. Por exemplo que se converta en voluntaria unha medida tan lesiva para o sector como era a do veterinario de explotación. Porén, consideramos que o Ministerio debería ir máis aló e eliminar esta proposta do decreto que regula esta figura”, valora a secretaria xeral do SLG.
Isabel Vilalba tamén considera positivo “que se abra o debate e se asuma a flexibilización en medidas burocráticas e esixencias de cambios de instalacións, algunhas delas deseñadas de xeito contraproducente para o sector, se ben agardaremos ao seu desenvolvemento para comprobar o grao de concreción destas actuacións”, matiza.
Riscos da nova vacina contra a EHE
Na mesma liña, insiste, “estaremos vixiantes no tocante a solvencia do orzamento anunciado para paliar os danos da Enfermidade Hemorráxica Epizootica (EHE), a fin de concretar se é suficiente para facer fronte ás perdas ocasionadas ás granxas, ao tempo que chamamos á cautela con respecto á vacina anunciada para este verán. Trátase dun produto novo que inda debe ser probado, e experiencias actuais con este tipo de medidas, como por exemplo ca vacina da lingua azul, están devolvendo unha significativa incidencia de efectos secundarios negativos no gando, tales como mortes e abortos”, lembra.
A vacina contra a EHE aínda ten que ser probada e vemos que a vacina da lingua azul está provocando mortes e abortos
Tamén seguen faltando, considera o Sindicato Labrego, medidas que permitan ao sector convivir cas consecuencias do quecemento global en materia de sanidade, tanto no relativo á aparición de novas enfermidades no gando como de pragas e afeccións á calidade e cantidade das forraxes adicadas á alimentación animal.
Medidas para asegurar prezos dignos
Por outra banda, no que abrangue ás medidas orientadas á rendabilidade das granxas, “unha vez máis consideramos que estase a eludir abordar a cuestión principal: os prezos. Cómpre un maior desenvolvemento de propostas para garantir prezos que cubran custos de produción de remuneren o noso traballo, así como actuacións concretas para que se cumpra a Lei da Cadea”, demanda o SLG.
“Botamos moi en falla entre as medidas anunciadas unha aposta decidida polo apoio ás producións en ecolóxico e, en xeral para todas as producións, liñas de traballo específicas en materia de comercialización directa, valor engadido, compra pública e outro tipo de medias que poderían significar unha mellora máis concreta nos prezos”, explica Isabel Vilalba.
Sen presenza da Xunta de Galicia
Segundo o propio ministro Planas, o traballo realizado durante a pasada fin de semana no Foro de Gandaría Extensiva realizado en Toledo “marca un antes e un despois no diálogo e colaboración con comunidades autónomas, organizacións profesionais agrarias e entidades do sector gandeiro, sen embargo a Consellaría do Medio Rural non participou neste espazo, como si o fixeron outras comunidades autónomas”, critica o SLG.
“Nestes foros estanse traballando cuestións cruciais para o sector e botamos en falta que non haxa representación da Consellaría do Medio Rural. Comeza a preocuparnos que logo de varias semanas dende o seu nomeamento non puideramos aínda comunicarnos coa nova conselleira, que nin estaba presente no Foro de Toledo nin respostou a nosa solicitude de entrevista”, repróchalle Vilalba.
Principais medidas anunciadas polo Ministerio
Conclusións operativas anunciadas polo Ministerio de Agricultura no Foro de Gandería Extensiva, no que participaron organizacións agrarias e conselleiros e directores xerais de diferentes gobernos autonómicos:
- A figura do veterinario de explotación pasa a ser voluntaria
- Revisión e Simplificación do Plan Sanitario Integral e do Plan de Benestar Animal.
- Dotación de 15 millóns de euros para os danos da Enfermidade hemorráxica. O Ministerio agarda que os gobernos autonómicos poñan a mesma cantidade. Haberá vacina despois do verán.
- Tuberculose: a situación permite unha flexibilización e tratar case caso por caso en función do risco. Vaise tratar na conferencia sectorial coas comunidades autónomas. Flexibilizar as probas, mellorar axudas de reposición e axudas para probas diagnósticas en función do risco, analizar impacto da segunda volta e revisar o traballo de prevención na fauna silvestre.
- Ante a redución de fondos da Comisión Europea, o Ministerio vai poñer 7 millóns para o programa de erradicación de enfermidades.
- O Ministerio está en desacordo coa regulación europea de benestar en materia de transporte animal que está en debate. Por exemplo, que non se poida transportar con temperaturas de 30 graos, as pausas, etc. Van tentar aplicar toda a flexibilización que sexa posible sen que haxa ningún paso atrás no estatus de sanidade animal.
- Incluir un plan sectorial para ovino na revisión do programa da PAC e traballar coa Interprofesional do ovino para mellorar as condicións de exportación do ovino.
- Apoio á valoración comercial do vacún no exterior.