Desde o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG) adverten que a seca que está a afectar a boa parte de Galicoa “xa está comprometendo seriamente a viabilidade económica de numerosas explotacións agrogandeiras e hortícolas”, e que “a situación pode empeorar nos vindeiros meses e anos se non se adoptan medidas urxentes”.
“O solo de Galicia non retén auga como acontece con outras zonas. Entón, cando vén un período prolongado de seca, aínda que teñamos reservas de auga, o terreo non ten auga e secan os cultivos”, comenta Brais Álvarez, apicultor e membro da executiva nacional do SLG. “É fundamental alertar desta situación que xa está comprometendo a viabilidade económica de varios sectores”.
Unha consecuencia do cambio climático
Agás algunhas zonas do norte e da Mariña, o SLG advirte de que “o resto do país sofre un déficit hídrico moi acusado, repetindo patróns xa advertimos en 2023 como un síntoma evidente do cambio climático, e sobre o que se debían tomar medidas urxentes”. Naquel momento, a Consellería de Medio Rural comprometeuse a crear unha comisión para abordar esta nova realidade climática, “mais a día de hoxe nada se avanzou”.
“A falta de planificación e medidas de adaptación está a provocar que explotacións de leite e de carne teñan que comezar a consumir xa as reservas de forraxe destinadas ao inverno, debido á escaseza de pastos e á mala produción da segunda corta de herba. Na horta, a seca e a ausencia de infraestruturas de rega adaptadas ao minifundio fan inviábel manter unha produción regular, mentres que cultivos como o castiñeiro sufriron caídas prematuras do froito pola calor extrema de comezos de xullo”, exemplifican.
O SLG lembra que os episodios de seca, combinados con temperaturas elevadas, baixa humidade e vento —o chamado “30-30-30”—, incrementan tamén o risco de grandes incendios forestais, “cada vez máis prolongados no tempo e que este ano estase a ver unha vez máis que son un problema grave para o rural galego”.
Todo isto leva ao sindicato a esixir “que se retomen e apliquen as medidas que se prometeron desde o ano 2023 para afrontar a seca e o cambio climático no sector agrario. Porque a emerxencia climática é unha realidade que está a condicionar o presente do campo galego e precisamos respostas serias e inmediatas para protexer o seu futuro”.
Galego









Control OJD