O Sindicato Labrego Galego presentou ante a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático alegacións ao Anteproxecto de Lei de Administración Ambiental Simplificada, solicitando a retirada completa do proxecto que derroga a Lei de Protección Ambiental de 1995.
Destacan que onde “antes había protección, agora haberá trámites acelerados. Onde antes había controis públicos, agora haberá entidades privadas. Onde antes había garantías para o territorio, agora haberá privilexios para quen declare un proxecto como “estratéxico”. Así, e co aval que os precede, consideran que as alegacións que presentaron deben ser escoitadas e consideradas pola Administración, xa que representan non só a voz do sector agrario galego, senón tamén a defensa do territorio rural e do medio ambiente que nos compete como organización máis representativa.
Coa modificación, segundo indican, elimínanse os controis fundamentais a nivel medioambiental, redúcense os prazos de exposición pública impedindo así que as organizacións e a sociedade civil afectada por proxectos eólicos, mineiros, de infraestruturas poidan exercer o seu dereito a coñecer e alegar.
Nos últimos anos -cuestionan- tamén se reduciron os requisitos para que un proxecto industrial poida ser considerado estratéxico, axilizouse a expropiación e outorgóuselle á Consellería de Industria a potestade de decidir acerca da utilidade pública dos proxectos e da prevalencia destes cando coliden con actividades preexistentes no territorio, como a actividade agraria. “O resultado: unha profunda desprotección da poboación rural, posibilitando a fragmentación de proxectos, debilitando as declaracións de impacto e dándolle prioridade a grandes proxectos industriais sobre os usos da terra e da auga”.
As principais denuncias do SLG
Consideran grave que a lei permita que os proxectos declarados “estratéxicos” polo Consello da Xunta queden exentos de acreditar a compatibilidade urbanística. “A norma tamén pretende legalizar de novo as entidades de colaboración ambiental privada, unha figura que xa foi anulada en vía xudicial, delegando funcións que deberían quedar sempre en mans públicas”, detallan.
Por outra banda, Galicia ten unha das porcentaxes de superficie agraria útil máis pequenas de Europa. “Alentar máis presión territorial industrial implicará empeorar esta situación e incrementar os custos de produción para as granxas, especialmente para aquelas máis pequenas que, ademais de seren as máis numerosas, xogan un papel básico no sustento social, económico e ambiental de boa parte do territorio galego”.
Galego









Control OJD