O Sindicato Labrego advirte dunha “tormenta perfecta” para o modelo galego de pequena viticultura familiar

Publicidade
O Sindicato Labrego advirte dunha “tormenta perfecta” para o modelo galego de pequena viticultura familiar

O Sindicato Labrego Galego celebrou este sábado, 24 de abril, nas instalacións de Adegas Eidosela (Arbo) a súa Asemblea Xeral do Viño, na que se conformou un grupo de traballo encargado de preparar o Congreso do Viño e dar corpo á futura dirección do sector na organización agraria. Este grupo estará integrado por viticultores e viticultoras, adegueiros e adegueiras, das cinco denominacións de orixe.

Con esta asemblea, en palabras do técnico dinamizador do Sector do Viño no SLG, Xosé Manuel Parente, “quixemos, coa participación de todas as denominacións de orixe, sermos quen de poñer en marcha un equipo de traballo volva relanzar o sector do viño de cara a afrontar os retos e desafíos que temos por diante”.

Entre as cuestións que marcaron os debates desta asemblea destaca a reforma da Política Agraria Común (PAC), que no Estado Español ten a materia pendente de dar apoio tamén á viticultura, até agora excluída do seu sistema de axudas directas.

 “Hai un fenómeno crecente de acaparamento de viñedos por parte de grandes adegas grazas a un sistema de axudas da Xunta que os beneficia”

O outro eixe dos debates foi o “fenómeno crecente de acaparamento de terras, que levamos anos denunciando dende o SLG, co que uns poucos grupos empresariais e grandes adegas estanse facendo cada vez con máis superficie de viñedo amparadas por un sistema de axudas deseñado para tal fin pola Consellaría de Medio Rural”, denuncian dende a organización agraria.

A este respecto, o responsábel do Viño do SLG, o viticultor e adegueiro Bernardo Estévez Villar advertiu de que “estamos situados na tormenta perfecta no sector vitivinícola, especialmente na provincia de Ourense: despoboamento e falla de relevo xeracional, total desleixo por parte das autoridades competentes na materia, abandono por esgotamento, consellos reguladores que actúan como malas asociacións de empresarios, cambio climático, pandemia, desembarco de grandes empresas nas denominacións de orixe e unha administración que fai todo o posible por facilitarlle o camiño a eses grandes grupos empresariais -a través das axudas e das leis- en prexuízo das pequenas adegas e da viticultura menos dimensionada”.

No presente máis inmediato, os efectos da Covid e o peche e restricións da canle Horeca marcarán a axenda do Sindicato  Labrego para o sector do viño.

Neste sentido, Bernardo Estévez advertiu de que “o peche da hostalería está a ser un drama. A falla de vendas fai que a liquidez sexa cada vez menor, mentres que os gastos, tanto nas viñas como na adega, non entenden diso. Se neste verán non hai unha boa reactivación, moitas adegas van quedar no camiño. A crise da Covid vai facer que unha grande parte da hostalería non volva abrir, co cal parte do noso mercado vai desaparecer”.

Medidas para revitalizar ao sector e atraer a xente nova

Entre as medidas propostas para revitalizar o sector vitivinícola galega, o Sindicato Labrego defende que a administración apoie novas plantacións de viñedo. “Se tes na túa axenda política a recuperación de poboación no rural, a recuperación de estrutura socio-económica no agro, só tes un camiño: Favorecer que a xente que está no rural non marche e que moita outra que vive nas cidades vexa o rural como a oportunidade dunha vida mellor. Polo tanto, as novas plantacións asociadas a proxectos de incorporación de persoas no rural, familias e persoas individuais, poden ser moi positivas”, subliñou Bernardo Estévez.

Precisamente, na defensa deste modelo de viticultura familiar a pequena escala incidiu a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba Seivane, como “única alternativa que fixa poboación no rural e crea emprego e riqueza nas comarcas vinícolas; ao contrario das grandes empresas e fondos de investimento que veñen de fóra e para fóra levan o meirande da riqueza e beneficio que xeran, ademais de acaparar a maior parte das axudas para plantar viñedo novo”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información