O Sindicato Labrego advirte de baixadas no prezo do leite de Reny Picot

A organización agraria cuestiona tamén que Lactalis chegue a acordos en Francia con supermercados e gandeiros para subir o prezo do leite, en tanto en España aplica unha baixada en relación ós contratos de hai un ano

O Sindicato Labrego advirte de baixadas no prezo do leite de Reny Picot

Sede de Reny Picot en Navia, Asturias.

A maioría das industrias lácteas están procedendo estas semanas a renovar os contratos que manteñen coas súas granxas proveedoras. É unha renovación que o sector esperaba á alza, pois os custos dos pensos subiron en torno a un 20%, pero en lugar diso, os prezos do leite mantéñense ou tenden á baixa.

É o caso do contrato que Reny Picot lle está ofrecendo ós produtores, segundo critica o Sindicato Labrego, que sinala que a láctea asturiana quere baixar medio céntimo no prezo base, para deixalo en 29, e quere subir o punto crioscópico, pasando de 512 a 515, o que perxudicará en especial ás granxas con pastoreo, segundo cuestiona a organización agraria.

Para o Sindicato Labrego Galego (SLG), é incomprensible que nun contexto de aumento de custos de produción se proceda a baixadas no prezo do leite. En comparación co caso galego, Xulio Fernández, do SLG, apunta o exemplo francés, onde Lactalis vén de chegar a acordos con cadeas distribuidoras como Lidl para revalorizar o leite, de xeito que ese aumento repercuta tamén nas explotacións lácteas francesas.

En Galicia, sen embargo, Lactalis repite este inverno o contrato que ofrecía na última parte do 2020, que representa unha baixada en relación ó contrato da primavera do 2020. Nunha recente entrevista en Campo Galego, o propio conselleiro delegado de Lactalis en España, Ignacio Elola, xustificaba esa situación: “en Francia créase valor na cadea do leite, pero en España destrúese”, sinalou en alusión á tendencia á baixa que manteñen os prezos dos produtos lácteos nos supermercados españois.

O Sindicato Labrego, pola súa banda, cuestiona a inacción da Xunta e do Ministerio. “A Consellería do Medio Rural non está nin se lle espera, pois xa hai anos que desmantelou a Mesa do Leite, na que os axentes nos xuntabamos para intentar chegar a entendemento” -valora Xulio Fernández-. “A única esperanza era a Ley de la Cadena Alimentaria, pero o Ministerio polo de agora non publicou uns índices de referencia de custos, nos que se comprometera, favorecendo un baleiro no que as industrias seguen impoñendo as súas condicións”, conclúe.

Protesta en Portugal polos prezos do leite

aprolep pt

En Portugal, a Asociación de Produtores de Leite (Aprolep) protagonizou hoxe unha protesta simbólica colocando nunha praza de Porto 200 pares de botas, en referencia ás 200 granxas que pecharon en Portugal no último ano.

A Aprolep instou ó Goberno a traballar para mellorar os prezos do leite, tendo en conta as subas de custos de produción e a previsible caída das axudas da PAC a partir do 2023.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información